Unha nova edición do festival Espazos Sonoros celebrarase este ano do 1 ao 28 de setembro. Así o anunciaron en rolda de prensa celebrada no Teatro Colón da Coruña, o deputado Provincial de Patrimonio, Contratación e Equipamento, Xosé Penas, e a directora artística do festival, Belén Bermejo.
Por cuarto ano consecutivo, a Deputación da Coruña, apoia a celebración dunha das programacións xa decanas no ámbito da música clásica en conexión con outras músicas, que, en palabras da institución provincial, “consolídase como unha das citas inescusábeis” na fin do verán. “Trátase dunha cita imprescindíbel no panorama musical do país, que é xa un referente na música antiga”, sinalou o deputado, engadindo que estamos ante “un proxecto capital polo que significa como dignificación non so do patrimonio senón tamén dun panorama musical que transcende época e momentos”.
O cartel deste ano combina unha vez máis proxectos de experimentadas formacións galegas con figuras convidadas do máis alto nivel internacional. Así, poderase escoitar en concerto unha das formacións máis prestixiosas do mundo da música antiga, o conxunto La Grande Chapelle, dirixido por Albert Recasens, o Ensemble Phaedrus, de frautas travesas, dirixido por Mara Winter, o grupo das Kolorit, do que forma parte a galega Rosalía Gómez Lasheras, ou os galegos La Moresca e o Concert Le Phénix. Pechará a edición o cuarteto de saxofóns asLan ensemBle, do que forma parte a galega Helena Otero cun concerto participativo no que será interpretada unha obra de Salvatore Sciarrino, para cuarteto de saxofóns e cen saxos en movemento. Para o devandito, Espazos Sonoros fai unha convocatoria aberta ao tecido musical galego co fin de contar con saxofonistas de calquera nivel, idade, formación e independentemente do estilo de música co que se identifiquen, que queiran participar nesta singular experiencia para a que non son precisos coñecementos previos, senón seguir as instrucións do asLan ensemBle no obradoiro que terá lugar antes do concerto.
“Espazos Sonoros vai, precisamente, de traballar polo noso, de afastarnos do ruído para centrarnos no cohesionamento social e territorial, de seguir construíndo espazos únicos”, expresou Xosé Penas.
Actividades vencelladas aos espazos
Coma todos os anos, a programación propón unha serie de actividades vencelladas aos espazos, que permitirán “afondar no coñecemento destes e das súas contornas, con visitas guiadas, percorridos pola natureza ou actividades para afondar nos contidos musicais da programación”. Así, sinalaron Penas e Bermejo, “teremos un espazo de conversa no Teatro Colón, co musicólogo e director de La Grande Chapelle, Albert Recasens e o filólogo Guillermo Fernández Rodríguez Escalona, visitaremos as Torres de Mens da man do experto Héitor Picallo, faremos unha ruta literaria polas Terras de Iria, da man de Manuel Lorenzo Baleirón, unha travesía pola paisaxe natural e histórica da ría de Ferrol e visitaremos o Xeoparque Cabo Ortegal, recentemente declarado pola UNESCO, para rematar cunha camiñada pola contorna do Castro de Baroña“.
O Teatro Colón, a igrexa de Santiago de Mens, o teatro de Beneficencia de Ortigueira, a Casa de Rosalía, o edificio modernista do casino Ferrolán, o interesante edificio de actividades náuticas de Porto do Son, que forma parte do proxecto para a rexeneración do bordo portuario da vila, serán os escenarios que Espazos Sonoros propón nesta nova edición.
Os concertos son de balde e a entrada libre até completar a capacidade. No catálogo e na web de Espazos Sonoros poderanse consultar as actividades para as que cumpre realizar unha inscrición previa, así como o procedemento para a reserva das prazas.