O museo Caseta de Pepe do Cuco de Carnota supera as cincocentas visitas en dous meses

08 Agosto 2024

Trátase do primeiro museo automatizado de Galicia que funciona 24 horas ao día, 7 días á semana e que garante o acceso á cultura á veciñanza de Carnota e turistas.

Remitida

A Caseta de Pepe do Cuco, primeiro museo automatizado de Galicia, recibiu un total de 531 visitas, distribuídas en 172 entradas automatizadas, desde a súa apertura ao público en xuño e ata o día de onte. A entrada ao museo é libre todos os días do ano, durante 24 horas ao día, e faise a través dun código QR e un formulario no que se pode elixir o idioma no que facer a visita (dispoñible ata o momento en galego, castelán e inglés).
Unha vez no interior, un sistema automático de vídeo, son e iluminación guía aos visitantes pola historia mariñeira de Lira ata a finalización da visita, que dura unha media de 23 minutos.
O alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, asegura que “o comportamento do museo nestes meses parece confirmar que o obxectivo básico desta instalación estase a conseguir e non é outro que garantir o funcionamento cotiá do museo, independentemente de que o Concello de Carnota ou calquera administración poida destinar os recursos para mantelo aberto ao público”. Así mesmo, o alcalde engade que “agora calquera persoa que veña a Carnota, en calquera momento do ano vai poder ter acceso á historia mariñeira do noso concello, algo que non é posible en ningún outro lugar”.
Pola súa banda, Roberto Sueiro, integrante do equipo que deseñou e produciu a nova instalación, sinala que “como ten un sistema de entrada automático e un plantexamento moi audiovisual, todo o mundo centra a súa atención na tecnoloxía. Pero isto é secundario. O realmente importante é que conseguimos poñer en funcionamento un servizo cultural que xa funciona 24 horas ao día, 7 días á semana, garantindo o acceso á cultura aos veciños de Carnota, da Costa da Morte e aos seus visitantes”.
No interior do museo combínanse obxectos reais restaurados, maquetas e pantallas de TV, nas que veciños e veciñas de Lira contan historias da Caseta e da vida dunha vila pesqueira dende os anos 30 do século pasado, momento no que foi construída por Pepe do Cuco.
Despois de superar con éxito o período final de probas, que se estendeu entre os meses de abril e maio, durante os meses de xuño e sobre todo xullo as visitas ao Museo experimentaron un incremento notable de público procedente doutras autonomías e do estranxeiro.
O actual museo substitúe á instalación feita a finais dos anos 90, que quedara arruinada pola imposibilidade de destinar persoal e recursos para o seu mantemento. O proxecto financiado polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia Costa Sostible non puidera ser visitado ata o momento polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, que o fixo onte mércores no marco dunha visita a outros proxectos e instalacións financiados por este organismo dependente da Consellería. Villares estivo acompañado na visita pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, e pola xerente do GALP Costa Sostible, Manuela Oviedo. Tras a visita á Caseta de Pepe do Cuco, o conselleiro destacou a “necesidade de buscar fórmulas de posta en valor da cultura mariñeira” e “o valor dos formatos áxiles e didácticos como a o da Caseta de Pepe do Cuco”.
A automatización da Caseta do Cuco é un proxecto promovido polo GALP Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia Costa Sostible, en colaboración coa Consellería do Mar, o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e o Concello de Carnota.

Remitida

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

A pregunta non é inocente. E, formulada polo vicepresidente primeiro do Goberno na sesión de control ao Executivo que preside Pedro Sánchez, menos aínda. Tal pregunta en boca de Carlos Cuerpo, probablemente un "home tranquilo", deixou este mércores un pouso de...