O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, participou na mañá dese 1 de agosto na entrega do cheque coa recadación do II Torneo Solidario Interparroquial que se celebrou o 29 de xuño en Vista Alegre á Asociación de Ayuda a Niños Oncológicos de Galicia. O importe recadado ascende aos 11.650 euros.
“A xente de Boiro sempre se implica en iniciativas como esta que teñen un fin solidario e para o Concello de Boiro é un orgullo colaborar con propostas como esta cun fin tan importante como é o de mellorar a vida das persoas”, sinalou o rexedor.

Sara Tubío, técnica administrativa de ASANOG, foi a encargada de recibir o cheque simbólico coa recadación do torneo e as huchas: “A Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia ten como finalidade prestar apoio e asistencia ás familias de nenos oncolóxicos e esta contribución é fundamental para seguir desenvolvendo os proxectos da asociación, especialmente na atención psicolóxica”.
No acto de entrega estiveron tamén Marga Hermo, integrante da organización (e directora de Relacións Institucionais de JEALSA), e Lara Buig, da organización e tamén xogadora. “Queremos agradecer a todas as empresas e comercios que colaboraron con esta iniciativa que busca aportar o noso gran de area ao traballo tan importante que fan dende a asociación”, afirmaron dende a organización.
Como dixemos, o torneo tivo lugar o pasado 29 de xullo no campo municipal de Vista Alegre, no que participaron 8 equipos mixtos, un por cada parroquia e patrocinados por un local de hostalería. Durante a tarde sorteáronse máis dun cento de agasallos entre as rifas vendidas durante o propio día e os días previos nos negocios colaboradores. A recadación da venda de rifas e doazóns ascende aos 11.650 euros, que foron entregados na mañá deste 1 de agosto a ASANOG.



