O centro terapéutico de Rianxo para a atención de persoas maiores con deterioro cognitivo vai comezar con setembro con grandes novidades. En concreto, prestará servizo cinco días á semana e, ademais, crearase un segundo grupo de persoas usuarias, incrementando o número de prazas do centro a 22.
Así o fixo saber estes días a segunda tenente de alcalde e concelleira de Política Social de Rianxo, Ana Vidal, quen fixo balance do primeiro ano de funcionamento do centro terapéutico, posto en marcha a comezos da actual lexislatura. No balance cualificou a actividade do servizo de “moi positivo”.
Recordou que o obxectivo deste centro, impulsado grazas á colaboración entre o Concello de Rianxo e a Asociación AGADEA, é ralentizar o avance da enfermidade, traballar a memoria, a orientación, a linguaxe e o cálculo, así como mellorar a calidade de vida e as relacións interpersoais.




