
Moita xente cre que á inmigración hai que poñerlle freo, non pola cor da pel dos migrantes que chegan senón pola vulnerabilidade e a pobreza que os envolve. Non os queren ver chegar ás portas de Europa en busca das oportunidades que no seu país de nacemento se lles negan, ben sexa polos sistemas ditatoriais ou inquisitoriais, pola corrupción en xeral ou a colonización que sofren de países estranxeiros que lles xeran pobreza e desigualdade.
Outra moita xente encárgase de crear trolas ou mentiras, cargando contra os migrantes o sanbenito da delincuencia, as violacións, os roubos, os asasinatos ou as inseguridades xeradas nas rúas de pobos e cidades. Nunca máis lonxe da realidade. Os datos empíricos están aí para comprobalo.
Un dos exemplos de convivencia intercultural, cohesión social, diversidade e empregabilidade coas decenas de familias africanas que residente no municipio, desde hai décadas (principalmente de Marrocos, Mauritania ou Senegal), é Ribeira. A capital da comarca do Barbanza, é unha mostra palpable de convivencia amable con centenares de migrantes que se integraron nunha sociedade multirracial e cultural.
Os migrantes tiveron a oportunidade de traballar, principalmente en sector pesqueiro pero tamén no sector das conservas, a hostalería, a limpeza, como empregadas de fogar ou ao coidado de persoas maiores ou con discapacidade. Paradoxos da vida, algúns os demonizan e logo acoden a eles para que coiden dos seus pais e fillos.



