
Con temperaturas máximas que oscilaron entre os 25 graos en grande parte do seu territorio e os 40 en distintas zonas da provincia de Ourense, os galegos e aqueles que nos visitaron este verán a piques de rematar, temos lugares abondo nos que reducir os efectos deste caloroso tempo chamado xa a ir mudando: 519 zonas de baño nas que nos por a remollo unhas horas e paliar así os efectos dun sol para moitos implacable e que, en boa hora, non acada aquí as temperaturas que este ano marcaron “a fogo” a práctica totalidade da península Ibérica: de Norte a Sur e de Leste a Oeste, incluidos Baleares, Canarias, Ceuta e Melilla.
Desas 519 zonas de baño que ten Galicia, 228 corresponden á provincia da Coruña e 209 á de Pontevedra. En conxunto, estas dúas provincias concentran o 84,2% dos lugares nos que se bañar nesta comunidade autónoma.
Do total de puntos de baño que recompila o Censo Nacional de Augas de Baño, publicado pola Subdireción Xeral de Sanidade Ambiental e Saúde Laboral, desas 519 zonas de baño, 451 corresponden a augas marítimas e de transición., mentres que as 68 restantes son de carácter continental (que abranguen ríos e encoros). A provincia de Ourense -que carece como é ben sabido de costa marítima- é a que máis augas continentais ten, e A Coruña é a provincia con máis zonas de baño de Galicia.
No Censo Ministerial xa citado non se estipulan todos os lugares destinados ao baño do país. Só aqueles que controla para garantir a calidade das súas augas. Sen embargo, a Conselleria de Sanidade da Xunta sí recolle os puntos vermellos do territorio. Fáino no Programa de Vixilancia Sanitaria que estipula 32 zonas marítimas e continentais das catro provincias nas que se prohibe permanentemente o baño por altos índices ded Escherichia Coli e Enterococcus, que pode producir gastroenterite ou enfermidades respiratórias.
Case que totalmente bañada polo Atlántico, A Coruña é a provincia galega con máis localizacións “refrescantes”: 228, delas tan só 10 de orixe continental (comprendendo ríos e encoros). As terras coruñesas teñen unha praia para cada 5.155 habitantes, aproximadamente, nos seus 956 quilómetros de costa.
O municipio coruñés con máis número de zonas nas que se poder bañar é Muros, con 22 praias, seguido de Ribeira con 19 zonas de baño e, con máis de 10, Porto do Son e Ferrol. A Coruña, capital, só ten 7 praias, sdndo as mñais colñecidas as de Riazor, Orzán e As Lapas.
Pontevedra é a seguinte provincia en número de zonas de baño: 209, con Vigo como municipio con maior número delas: 25 praias. Séguenlle O Grove, con 21, e Sanxenxo, con 20.
Das zonas de baño da provincia pontevedresa, 21 corresponden a augas continentais, con ríos e desembocaduras do Miño en Tui e Tomiño. Oito destas zonas de baño costeiras están en Cotobade (treitos dos ríos Almofrei, Calvelo e Cabanelas) e Ponteareas (treitos do río Tea). Na capital da provincia, Pontevedra, teñen para baño o río Verdugo.
A provincia de Lugo dispón de 60 zonas de baño nos seus 144 quilómetros de costa, 55 praias e 15 ríos e encoros. A máis coñecida é a praia das Catedrais, en Ribadeo. O concello lucense con maior número de praias é o de Foz: 9. Barreiros e Xove son opcións moi válidas para o baño. Máis no que atinxe a augas continentais existen posibilidades para o baño en todo o territorio interior dende Baralla, Castro de Rei, Guitiriz, Mondoñedo e a propia capital, Lugo, entre outros.
Ourense, a provincia interior (carente, polo tanto, de augas marítimas) ten alternativas para o baño en augas continentais: 22 zonas de baño dende o río Miño, que atemperan á veciñanza en Ourense e outros pobos da contorna, a Castrelo de Miño (con encoro e acceso ao río), Carballeda de Valdeorras (cunha piscina fluvial que baña o río Sil) ou o río Támega (Verín) e o Riveira, na Gudiña.


