Finalmente celebrouse o pasado 23 de agosto en Porto do Son unha charla informativa e de concienciación sobre diversidade de núcleos familiares organizada pola Asociación de Familias Galegas Monomarentais (FAGAMOS). A cita, desenvolvida por mor da chuvia no Centro de Interpretación Castro de Baroña (a praza de España viña sendo o emprazamento inicialmente previsto), formou parte da xira Moito por Facer, ciclo de xornadas itinerantes polas catro provincias galegas que se celebran co obxectivo de sensibilizar á poboación na importancia de que a igualdade, a conciliación e a corresponsabilidade se entendan tendo en conta a diversidade familiar.

A xornada foi un éxito de público e participación, e, segundo confirmou a organización, “non faltou o diálogo, a escoita e a empatía entre todas as persoas asistentes”. De feito, até as crianzas implicáronse activamente na corresponsabilidade e nos coidados, poñendo inxeccións e facendo curas e o xantar a un moneco que representaba a un cativo doente.
Esta actuación, na que colaborou o Concello, formou parte do proxecto Currunchiños de Conciliación do Plan Corresponsables e está financiada pola Consellería de Política Social e Igualdade en Galicia e polo Ministerio de Igualdad.




