A Unidade Veciñal de Dodro emitiu un comunicado no que advirte dos perigos que pode carrexar para os usuarios a senda ciclista municipal que percorre o concello entre Bexo e Lestrobe, onde o Concello está a rectificar os redutores de velocidade “despois de que os primeiros non cumprisen coas condicións técnicas do proxecto”, sinalan, engadindo que “agora os novos redutores non respectan o paso dos ciclistas pola marxe de seguridade e deixan como paso un simple rego de apenas uns quince centímetros que nin é recto”.

A agrupación explica que “ante as numerosas queixas dos ciclistas usuarios da senda, puxémonos en contacto co alcalde de Dodro para facerlle saber que este tipo de redutores é unha verdadeira trampa para os ciclistas”. Segundo sinalan, o Concello deixará que sexa o técnico director de obra quen certifique a mesma.
Tamén, a Unidade Veciñal de Dodro se puxo en contacto con varias asociacións de ciclistas e o Club Ciclista Padronés para facerlle ver como vai quedar a senda ciclista para que tomen as medidas pertinentes.




