A Sociedade Cooperativa Galega do Mar Santa Uxía de Ribeira (OPP83) colabora na III Feira Gastromar que se está a celebrar na cidade, da man da Asociación de Empresarios, coa achega de medio milleiro de quilogramos de peixe fresco capturado pola frota asociada. En concreto, a entidade entregou de balde á patronal ao redor de 300kg de lirio 100kg de sardiña e 100kg de xurelo. Esta doazón servirá para a elaboración das máis de 2.000 racións que se prevé serán distribuídas durante os tres días que dura a xornada gastronómica (esta fin de semana).

Un ano máis, a OPP83 estará presente en Gastromar para poñer en valor os produtos pesqueiros extraídos polos seus barcos. Nesta ocasión, a Cooperativa promociona a súa marca colectiva Lirio de Ribeira, así como a sardiña e o xurelo.
Os chefs Javier Fernández e José Manuel García, do Chicolino, deleitarán aos asistentes coas súas innovadoras receitas feitas con produtos pesqueiros de proximidade, entre as que destacan as milfollas de lirio, o lirio en espetada, os tacos de sardiña e os baos de xurelo.

Ademais, realizaranse dúas demostracións co peixe fresco da frota asociada como protagonista. O sábado e o domingo a partir das 12.00 horas os cociñeiros ensinarán ás persoas rexistradas como preparar unhas excelentes receitas de lirio, xurelo e sardiña. A asociación tamén poñerá ao dispor dos comensais un folleto con información sobre o Lirio de Ribeira e a actividade da OPP83.
Ao acto inaugural de Gastromar, celebrado este venres 23, asistiron membros do Consello Reitor e xerencia da Cooperativa Santa Uxía de Ribeira. Tamén estiveron presentes representantes da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Concello de Ribeira e, por suposto, a Asociación de Empresarios de Ribeira.
A xerente da OPP83, María José Casais, celebrou o traballo conxunto realizado polas diferentes administracións e axentes económicos da comarca para “situar Ribeira no mapa gastronómico de produtos do mar”.

A OPP83 rexistrou o Lirio de Ribeira como marca colectiva en 2022 co fin de poñer en valor este peixe con denominación de orixe ribeirense. Motor económico e cultural da comarca de Barbanza, o Lirio de Ribeira supón máis do 60% das vendas da lonxa local e é un peixe fresco capturado de forma responsábel por barcos con porto base en Ribeira. Esta captura destaca fundamentalmente pola súa altísima calidade e a súa frescura, xa que o Lirio de Ribeira chega a porto nas mellores condicións en apenas 7 horas.
A participación da Cooperativa Santa Uxía de Ribeira na terceira edición de Gastromar forma parte do seu Plan de Produción e Comercialización (PPyC) de 2024; e está cofinanciada polos FEMPA e a Xunta de Galicia. O obxectivo deste tipo de iniciativas é promocionar o peixe e informar os consumidores sobre a rastrexabilidade e beneficios do seu consumo para unha dieta saudábel e equilibrada.



