
Catro fillos, sete netos vivos e un nas estrelas, e unha dor permanente por ter que aceptar como evidencia de normalidade o que non é outra cousa ca unha mostra da insensibilidade dunha sociedade na que impera o crime, o asasinato de milleiros de nenos que nunca poderán disputar -xa non digo gañar- unha das moitas medallas olímpicas que cada catro anos -máis rápido, máis alto, máis forte, citius, altius, fortis; e engado: máis lonxe- se poñen en xogo.
Son nenos que, como lembra Save the Children, protagonizan sen buscalo as crises humanitarias que afectan agora mesmo a millóns de cativiños en todo o mundo: en Ucraína, onde un conflito desencadeado por Rusia vai algo máis de dous anos deixa de ser nova, malia seguir a morrer centos de persoas, entre estas nenos.
Gaza: onde os bombardeos israelís 300 días dempois do comezo da guerra as familias están constantemente baixo ordes de reubicación de áreas que un día foron “seguras”, sen tempo abondo para evacuar, porque non hai lugar seguro en GAZA. Nenos e nenas palestinos sobreviven baixo condicións estremas, fame e expostos a graves enfermidades.
Somalia: millóns de nenos e nenas fan fronte á devastadora combinación de seca, anegamento, fame e abrochos de enfermidades. Só este ano, 215.000 persoas foron desprazadas dos seus fogares, vivindo en condicións de amontoamento e insalubridade. Velahí as cifras: 4,3 millóns de nenos e nenas precisan de asistencia humanitaria; 2,4 millóns de nenas e nenos necesitan apoio para regresar ou permanecer na escola; 1,7 millóns de nenos e nenas menores de cinco anos están gravemente desnutridos, incluíndo 430.000 que afrontan desnutrición aguda e severa.
Sudán: o conflito acada niveis catastróficos, cos nenos como “protagonistas” da pior parte da violencia. Millóns están desprazados, famentos e sen poderen ir á escola. 1 de cada 2 rapaces estivo a menos de cinco quilómetros das liñas da fronte. Máis de 4,5 millóns de nenos foron forzados a fuxir dos seus fogares, resultado da crise de desprazamento infantil máis grande do mundo (que algúns partidos políticos españois non queren recoñecer). Dise que 5 millóns de persoas -a maioría nenos e nenas menores de 5 anos- están gravemente desnutridos.
Aquí, en España, serían “menas” para a estrema dereita política do país e habería que expulsalos. Deste xeito “atenden” á infancia máis vulnerable (os seus fillos e netos si que os atenden).
Haberá un ombreiro no que apoiar a cabeza e cavilar en se seremos quen de entender que os nenos non xogan na guerra dos maiores?…


