O Panteón das Galegas e dos Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval (Santiago), acolleu este 2 de xullo un acto de homenaxe ao escultor cambadés Francisco Asorey, artista clave da renovación da arte galega no século XX. Este recoñecemento, organizado polo Concello de Santiago e a Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), súmase ao programa de eventos que se están a celebrar este ano en lembranza do escultor que desenvolveu a maior parte da súa carreira en Compostela. Ademais da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, no acto tamén participaron Manuel Quintana Martelo, presidente da Real Academia; Mª del Carmen Asorey, neta de Francisco Asorey; José Luís González, concelleiro de Cultura de Cambados; Natividad González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia. Tamén asistiron varios membros da Corporación municipal.
Na súa intervención, Goretti Sanmartín salientou dúas características da obra do escultor cambadés: “a representación da figura das mulleres e as referencias á tradición escultórica en que introduce elementos da vida do común”. No tocante á representación das mulleres, a rexedora aludiu á “mirada cargada de afecto e de sensibilidade” do artista coa que concibiu “algunhas das obras icónicas da nosa cultura” como O tesouro, A naiciña, A filliña e A Santa, converténdose no “primeiro artista en usar repetidamente a imaxe das mulleres galegas” que transcende “a imaxe feminina e se transmuta nunha imaxe simbólica de Galiza”.
Goretti Sanmartín congratulouse da presenza de varias da súas obras en Santiago, “desde as máis emblemáticas como o célebre monumento a San Francisco de Asís, o capitel e escudo do Hotel Compostela na praza de Galiza, ou o códeo compostelán no Seminario de Estudos Galegos; até numerosas lápidas, chamadores e bustos”.
Francisco Asorey
Nacido en Fefiñáns, Francisco Asorey (Cambados, 1889 – Santiago, 1961) está considerado un dos renovadores da arte galega e unha das figuras máis relevantes da renovación da arte escultórica española do século XX.
Tras realizar os seus estudos en Sarrià (Barcelona) e pasar por Barakaldo (Bizkaia) e Madrid, Asorey gaña en 1918 por oposición a praza de escultor anatómico da Facultade de Medicina de Santiago, cidade á que se traslada a vivir e onde monta un obradoiro na Caramoniña, a carón do mosteiro de San Domingos de Bonaval.
Deste taller saen as obras en madeira policromada tituladas Picariña, Naiciña, O Tesouro, Ofrenda a San Ramón, A Santa e San Francisco (1ª Medalla da Exposición Nacional de Belas Artes de Madrid). Na década de 1930 traslada o taller a Santa Clara por necesidades de espazo. Neste lugar crea os grandes monumentos Loriga, Curros Enríquez e Virxe de Tanxil (Rianxo), entre outros. Vive os anos da represión da guerra Civil nun plano discreto; realizando obras para as autoridades franquistas pero tamén encargas de gran calidade, como a Piedade para o Panteón do Centro Galego de Bos Aires, o monumento ao Padre Feijoo no Mosteiro de Samos, o monumento a Ramón Aller en Lalín ou a talla en madeira do Cristo da igrexa de Santa María de Moiá en Barcelona.
En 1947 toma posesión como académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes e en 1957 é nomeado académico de honra da Real Academia Galega.