Este luns 22 de xullo o Concello de Ribeira acolleu o acto de recepción e sinatura dos fondos documentais da Asociación Veciñal “As Dunas”. O rexedor Luís Pérez e o responsábel da doazón, Francisco Otero, selaron a entrega na presenza do arquiveiro municipal, José Antonio Otero.

Francisco Otero Lijó achegou no acto arquivos da Asociación de Veciños “As Dunas” (da que foi secretario e logo presidente) e tamén a documentación que xerou como correspondente ao xornal La Voz de Galicia.
Dende o Arquivo Municipal sinalan que a cesión feita polo señor Otero que “axuda a coñecer mellor a historia e circunstancias da parroquia de xeito que se podería chegar a formar un fondo especial nos fondos do Arquivo Histórico co nome de Corrubedo” e engadiron que “a nosa idea é que esta primeira doazón sirva de ánimo para que a xente considere a posibilidade de ceder a documentación que teña (arquivos persoais, familiares, empresariais,…) ao Concello de Ribeira ou ben que permita reproducila mediante dixitalización e devolver os orixinais a os seus propietarios e tamén unha reprodución dixital”.
Francisco Otero manifestou sentirse “agradecido e feliz de dar unha saída para a custodia de toda a documentación que ao longo da vida fun acumulando tanto a nivel persoal como nas miñas diversas etapas de concelleiro e sobre todo, como presidente da asociación As Dunas de Corrubedo, que son 25 anos de existencia da asociación e 45 de actividade persoal que lle adiquei á comunidade”, sinalou.
Pérez Barral agradeceu de maneira especial a cesión de Francisco Otero grazas á que “Ribeira recupera a historia de Corrubedo cuns fondos que datan dende 1979 ata o ano 2000 e que nos permiten acrecentar os fondos documentais do Arquivo Municipal con respecto a esta parroquia ribeirense”.
O alcalde anunciou tamén unha doazón futura de Otero Lijó dun documento do século XIX sobre o salvamento de náufragos concedido a unha familiar súa no tempo de Isabel II. “Vemos que Ribeira foi un exemplo en actuacións de rescates tanto a nivel colectivo como de maneira individual e como Administración pública debemos preservar, custodiar e difundir toda esa documentación para xeracións vindeiras”.
O arquiveiro municipal, José Antonio Otero, indicou que tamén se está ideando levar a cabo antes de final do presente ano unha exposición e/ou publicación de fotos antigas de Ribeira que non son coñecidas e foron doadas por amigos e colaboradores do arquivo.



