A empresa Altri, co apoio da Xunta, aparenta ser “verde”. Para esa apariencia ten un magnífico predicado: consumir 2,4 millóns de toneladas de madeira de eucalipto ao ano e 46 millóns de litros de auga do río Ulla ao día. Un cartel da veciñanza de Santiso (en contra da macrocelulosa) deixa ben claro o seu sentir en relación a esa futura industria “verde”. O texto dese cartel é contundente: “A auga é nosa e non da celulosa. SANTISO DI: ALTRI NON”.
Altri SGPS S. A. é unha sociedade anónima fundada en 2005 con sede central en Porto (Portugal) cun promedio de case 700 traballadores. O seu principal negocio é a produción de papel, madeira e coprodución de enerxía a través das súas subsidiarias Celulose do Caima, Celbi e F. R. Famada. Cotiza no índice portugués PSI-20 e na súa maior parte é propiedade de Cofihold, unha empresa que é propietaria asimesmo da maioría das accións en Medialivre e outras sociedades.
A empresa Altri tenta construir, como é coñecido, unha enorme fábrica de celulosa no corazón de Galicia: Palas de Rei. A natureza e os seus habitantes están en perigo. En troques, Altri produciría ata 400.000 toneladas de celulosa soluble e 200.000 de lyocell, amáis doutros subprodutos como biomasa e xeso.
Agricultores, gandeiros, mariscadoras e pescadores da ría de Arousa están convencidos de que a fábrica para cuxa instalación a Xunta outorga todo tipo de facilidades cambiaría, para mal, as súas vidas. A organización ecoloxista Greenpeace pediu á Xunta e ao Goberno central que non destinen diñeiro público á destrución dunha zona de alto valor ambiental e social. Porque a fábrica vai ocupar unha superficie dez veces máis grande ca ocupada na ría de Pontevedra por Ence, a celulosa construída nos anos 60 con todas as bendicións do franquismo.
Segundo o proxecto de Altri, a macrocelulosa prevista para Palas de Rei verterá ao río Ulla 30 millóns de litros de augas residuais contaminadas cada día a 27 graos centígrados o que, evidentemente, porá en perigo o marisqueo na ría de Arousa, e a demanda de madeira de eucalipto levará ao monocultivo desta especie arborícola que tanto dano leva producido á biodiversidasde dos montes galegos e que incrementa de xeito máis que notable o perigo e virulencia dos incendios forestais na comunidade autónoma.
Altri instalará unha cheminea de 75 metros de altura para a emisión das substancias precursoras da choiva aceda (xofre, óxidos de xofre, monóxido de carbono e material particulado).
Tres espazos da Rede Natura 2000 quedarían afectados: ZEC Serra do Careón, ZEC Sistema Fluvial Ulla-Deza e ZEC Sobreirais do Arnego, e mesmo afectaría ao Parque Nacional das Illas Atlánticas. A maiores, a fábrica ocuparía un espazo destinado pola Xunta vai máis dunha década á ampliación da Rede Natura 2000 e afectaría asimesmo a especie ameazadas, algunhas endémicas e en perigo de extinción.
A empresa reclama para a posta en marcha da fábrica ata 250 millóns de euros de diñeiro público dos fondos europeos Next Generation.
Xa se presentaron máis de 23.000 alegacións en contra da megafactoría. Máis de 30.000 persoas participaron nas manifestacóns contra do proxecto e unhas 300 embarcacións conformaron na ría de Arousa unha frotiña de protesta xunto ao rompexeos Artic Sunrise, de Greenpeace.
Non son argumentos para que a Xunta paralice o proxecto?.



