Segundo os Socialistas os veciños e as veciñas de Rianxo están a padecer graves deficiencias na atención médica debido á falta de persoal no centro de saúde do municipio.
O ambulatorio só ten cuberto a metade do cadro de médicos, mentres que o punto de atención continuada carece de facultativos e aténdeno profesionais desprazados dende outros municipios

A secretaria adxunta de Organización do PSdeG, Ana Pena; o secretario xeral provincial da Coruña, Bernardo Fernández, e o portavoz socialista no Concello, Óscar Rial, detallaron hoxe as deficiencias que lastran a atención primaria no municipio e esixíronlle á Xunta que poña remedio á situación.
Bernardo Fernández alertou de que a sanidade en xeral, e sobre todo a atención primaria, está “depauperada”, por exemplo, cunhas listas de espera “que se multiplican por tres respecto a décadas anteriores”. “Se preguntamos, non imos atopar ningún cidadán que diga que a sanidade galega está mellor que hai vinte anos”, afirmou o secretario provincial, que esixiu á Xunta que reverta as “políticas nefastas” que conduciron á actual situación de crise asistencial. “A Xunta ten as competencias e ten que adoitar medidas. Estar de brazos cruzados botando a culpa a outros non é solución”, asegurou.
Ana Pena criticou que unha vila de 12.000 habitantes non pode ter cubertas só a metade das prazas do seu centro de saúde e lamentou que “situacións coma a de Rianxo esténdense por todo o territorio galego”. “Ter acceso a unha consulta, a unha revisión
médica ou a atención pediátrica é unha prioridade e débense poñer en marcha medidas que solucionen este problema”, advertiu.
Pola súa parte, Óscar Rial insistiu en demandar un servizo de calidade que satisfaga a demanda que existe en Rianxo e reprochoulle ao Goberno galego que poña “parches de forma continua” sen buscar solucións definitivas, en referencia á recente incorporación
temporal dun facultativo e un MIR na súa última etapa de formación. Para o portavoz socialista no Concello é imprescindible cubrir o servizo de tarde no ambulatorio e reducir as listas de espera cando menos ata o obxectivo de 48 horas que vén propoñendo o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro.



