“Os emigrantes galegos en Catalunya premian a unha arriana de Goián”. Xosé González Martínez

24 Xullo 2024

O próximo día 7 viaxaremos a Ribadeo, nas terras do Eo, onde en Castropol o rexistrador
da propiedade e bibliófilo Fermín Penzol Lavandeira tiña os seus apousentos. Desde ali
soñaba coa reunificación da vella Gallaecia. A Fegalcat, (Federación de Entidades
Culturais en Catalunya), ese día en acto público entregaralle o premio Alecrin a Carme P.
Vaquero, polos seus moitos méritos nun labor desenvolvido arreo durante máis de trinta
anos a prol da normalización lingúística desde o colectivo Galeguizar Galicia
(www.galeguizargalicia.gal).
Carme Vaquero é tamén arraina, pero do sur de Galicia, de Goián, onde o Miño chega ao
mar atlántico Unha vila como poucas hai en Galicia, porque atesoura un patrimonio
humano e intelectual considerable nas persoas do escritor e poeta Eliseo Alonso, os
pintores Antonio Fernández e Xavier Pousa, e os escultores Xoán Piñeiro e Maxín
Picallo. Dalí tamén é Helena Pousa, historiadora e dialectóloga, que estudou unha
variante do galego cun léxico moi curioso que se fala no barrio de Fontenla (Fontiala,
como din eles nesa fala de seu).
Iou, como din eles, vou escrbir algunhas frases sobre Carme Vaquero co gallo desta
fiasta da Fegalcat. E fareino bian, como ten que ser para facerlle xustiza á
homenaxeada. Porque sempre está abríndollelas cancialas á lingua. Daquiala non
quiaro deixar pasar esta ocasión para facelo.Tamián porque lle teño devoción a súa
tiarra (cando os romanos a conquistaron denominaron aquela comarca Terra Gauda).
Xa fose no verán ou no enviarno, percorrín con ela aqueles vieiros noutrora transitados
polos que andaban en tempos ídos no estraperlo, na ramboia, tan bian musicada por
“Fuxan Os Ventos” na súa cantiga “O estraperlo”, que cantei moitas veces cos mious
amigos mentres comiabamos fillozas feitas pola súa irmá Alba,habitual falante do
goianés, na cociña familiar do barrio da Centinela.
Carme P. Vaquero, durantes estas décadas foi desenvolvendo un traballo imprescindible
para conseguirmos que o galego conquistase novos espazos de uso na xudicatura, no
dereito, nas empresas, na etiquetaxe. Capítulo aparte merece a proxección alén nós
doutro territorio arraiano e singular, o Couto Mixto, do que ela é unha das máis excelsas
valedora.
Carme Vaquero é a imaxe pública e a voz personalísima neses documentais e anuncios
pregoando a galeguización de Galicia que emite constantemente a canle de televisión do
noso colectivo Galeguizar Galicia. A súa habelencia para transmitir as mensaxes é
modélica, tanto nas súas enfáticas alocucións como no seu preciso e ordenado discurso.
O éxito do seu traballo é o resultado de aplicar a ecuación aritmética i+i+c
(intelixencia+imaxinación+constancia).

Son moitas as persoas relevantes que lle teñen prodigado louvanzas. Lembro arestora
algunhas: Francisco Fernández del Riego, expresidente da Real Academia Galega; os
tamén escritores Xosé Neira Vilas e Franco Grande; os maxistrados Orencio Pérez
González, Daniel García Ramos, e Victorino Gutiérrez Aller, notario que foi de Lalín. Esa
admiración que lle profesaban, compartida por outro que aínda están afortunadamente
connosco, poderiamola resumir nestra frase asertiva: haberá algunhas mulleres – non
moitas- que traballen moito pola expansión da lingua galega, pero Carme é moi
significativa.
Por ese traballo inconmensurable recibíu varios premios. E máis que lle serán concedidos
no futuro. Con Carme, como desexaba don Álvaro Cunqueiro, a lingua galega poderá ter
aseguradas no futuro mil primaveras máis por mor da extensión dos seus usos en todas
as ordes da vida social.

Xosé González Martínez*
*Presidente do Foro E. Peinador.

Outros artigos

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

+

“España”. Alberto Barciela

España se hace grande con lo aparentemente sencillo. Entonces deja de ser una Europa periférica que arrambla con esa idea de que el continente termina en los Pirineos, para reivindicarse como la tierra conquistadora, que acobijó a todas las culturas, que se embebió de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.