
Tan pouco vale a pesca para os maxistrados do Tribunal Supremo como para chegar a desestimar o recurso da Plataforma en Defensa da Pesca e os Ecosistemas Mariños que denunciaba a prioridade da eólica mariña fronte á da pesca?. Canto máis valen os intereses económicos das empresas que lideran a creación nos caladoiros de pesca que os dos mariñeiros que perden estes caladoiros sen os que non poden seguir pescando para vivir?. Cantas toneladas de peixe é necesario perder para que a eólica mariña gañe?. Cantos barcos de pesca deben achatarrar Galicia e Asturias para que, a escasa distancia das súas costas, ergan as súas estruturas os aeroxeradores mariños?. Terán respostas axeitadas a estas formulacións os que, en base ao Real Decreto 150/2023, deciden ao respecto?.
Si, os maxistrados do Supremo veñen de dar un paso avante e desestimaron o recurso presentado pola devandita Plataforma que, como queda explícito, denunciou esa prioridade nos seus intereses por parte da eólica mariña contra os argumentados polo sector pesqueiro.
Deste xeito, o Tribunal Supremo avala o xa citado Real Decreto 150/2023 polo que se aproban os planos de ordenación do espazo marítimo das cinco demarcacións mariñas galegas e asturianas ao non se constatar desviación de poder ou arbitrariedade. Os maxistrados pronúncianse deste xeito ao desestimar o recurso presentado pola Plataforma, que denunciara que o Real Decreto presentaba un “sesgo evidente” ao priorizar a implantación da enerxía eólica mariña en “detrimento” do sector pesqueiro, ignorando a existenza de zonas de pesca preexistentes.
É o caso de Manoliño cando a veciña lle preguntou no rueiro se quería máis ao pai ou á nai.
Non ten en conta o Supremo os argumentos da Plataforma e conclúe que “non pode sosterse que o planificador, no exercicio da súa discrecionalidade ao seleccionar unhas zonas nas que ubicar preferentemente as instalacións da enerxía eólica mariña -evitando a súa dispersión desordenada por todo o medio mariño de soberanía española- esquecese a presenza da actividade pesqueira e a súa interación coa eólica.
Toman en consideración os maxistrados unha “copiosa información atinxente á actividade pesqueira” e obrigan a ter en conta esta actividade desenvolvida nas zonas seleccionadas para a enerxía eólica “interacción ou solape que deberá resolverse ao tempo da autorización dos correspondentes proxectos conforme a súa lexislación sectorial e ambiental”, segundo consta na sentenza.
O tribunal lembra que durante o proceso de consulta pública da avaliación ambiental estratéxica do Real Decreto, avanzóuse na análise das interacións entre os polígonos de enerxía eólica mariña e a actividade pesqueira e incide en que modificou a superficie dos polígonos para a eólica mariña, reducindo o seu potencial impacto sobre a pesca, e decidiron non incluir a enerxía eólica nas zonas de uso prioritario (ZUP) como estaba inicialmente proxectado, senón na zona de alto potencial (ZAP).
As decisións foron tomadas “razonadamente”, tendo en conta as necesidades de todos e cada un dos sectores afectados, e afea á Plataforma por non rebater “fundadamente” as decisións. Non exime á Plataforma do pago das costas, se ben fixa estas nun importe máximo de 4.000 euros.
Todo un detalle.


