O Parque Nacional das Illas Atlánticas acollerá este verán actividades gratuítas de observación astronómica

12 Xullo 2024

O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, que abrangue illas da nosa comarca como Sálvora ou o arquipélago de Vionta e Noro, ofrece este verán máis unha completa programación de actividades astronómicas co “obxectivo de diversificar o seu uso público e dar a coñecer entre os seus visitantes unha parte destacada dos seus recursos naturais, como é o ceo”, informou a Consellería de Medio Ambiente, explicando que por oitavo ano consecutivo, a Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía (FEGAR) será a encargada de dirixir e coordinar as distintas accións de dinamización previstas para difundir os valores que desde 2016 acreditan a este espazo natural como destino turístico Starlight, unha programación que arrancou a pasada fin de semana.

A Federación contará coa colaboración e apoio loxístico do persoal do Parque Nacional no desenvolvemento das actividades, de carácter gratuíto e dirixidas a distintos sectores da poboación, incluído o público infantil.

Os destinos Starlight —un selo avalado pola UNESCO, apoiado pola Unión Astronómica Internacional, a Organización Mundial de Turismo e outorgado pola Fundación Starlight— son lugares visitábeis que gozan de condicións óptimas para a contemplación dos ceos estrelados e que, ao estar protexidos da contaminación luminosa, resultan moi axeitados para albergar actividades turísticas baseadas neste recurso natural.

A axenda astronómica prevista durante o verán nas Illas Atlánticas (que comezou en Cíes a pasada fin de semana e prolongarase ata o 2 de setembro) inclúe observacións tanto diúrnas como nocturnas durante as que se porá a disposición das persoas participantes material óptico de última xeración e equipos electrónicos.

De feito e como novidade deste ano, os visitantes da illa de Ons terán á súa disposición un novo telescopio de última xeración, cun investimento de 15.000 euros por parte de FEGAR e que suporá unha mellora na calidade das actividades.

En concreto, a programación durante a quenda de mañá levaranse a cabo entre as 13,30 e as 14,00 horas e centraranse na observación solar co fin de achegar aos asistentes ao seu funcionamento e á importancia que ten na meteoroloxía planetaria. A observación astronómica en sentido estrito desenvolverase polas noites, de 23,30 a 01,30 horas, con charlas a cargo de expertos nas que se afondará nos veciños estelares máis próximos, nos calendarios astronómicos ou na información que nos aportan.

A maiores realizaranse unha serie de actividades de exploración de corpos celestes dirixidas a nenos así como de observación de meteoritos, incluíndo a chuvia de estrelas fugaces das Perseidas de agosto, cuxo pico máximo se agarda entre os días 11 e 13 e para as que están programadas actividades simultáneas en Cíes e en Ons.

A programación chegará aos catro arquipélagos. A oferta concentrarase en Cíes, onde se realizarán quendas a primeira fin de semana de xullo, do 1 ao 31 de agosto e o 1 e o 2 de setembro; e en Ons, con actividades programadas do 13 ao 31 de xullo, de forma continuada, e do 9 ao 12 de agosto. As accións en Cortegada e en Sálvora serán puntuais, cunha charla o mércores 14 e o xoves 15 de agosto, respectivamente.

Para poder participar nalgunha destas actividades gratuítas, os interesados deberán inscribirse previamente nas casetas de información das illas e os grupos organizaranse in situ, dependendo sempre das condicións meteorolóxicas polo que o calendario previsto pode ser susceptíbel de sufrir alteracións. Ademais, este verán está previsto que durante uns días do mes de agosto o Parque Nacional das Illas Atlánticas acolla a visita de varios membros da Fundación Starlight.

Cómpre lembrar que o Parque Nacional das Illas Atlánticas é destino Starlight desde o ano 2016, de aí a importancia de actividades coma estas, que buscan difundir os valores do ceo nocturno do arquipélago e promover a observación das estrelas desde as illas.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.