O Gaiás amplía as visitas comentadas ante a elevada demanda no inicio da exposición ‘Unha vida viquinga’ e nos ultimos días de ‘Tesouros reais’ en España

20 Xullo 2024

A Cidade da Cultura vén de ampliar a oferta de visitas comentadas a dous dos grandes proxectos expositivos da Xunta de Galicia deste ano, Unha vida viquinga e Tesouros reais, ante a elevada demanda de público interesado en participar nestes percorridos guiados polo equipo de Educación do Museo Centro Gaiás.

Así, coincidindo coas primeiras semanas de apertura de Unha vida viquinga e as últimas de Tesouros reais —que o vindeiro domingo 4 de agosto finaliza a súa estancia na Cidade da Cultura—, vén de abrirse unha nova quenda de visita guiada, ás 11,00 horas, que se suma ás das 12,00 e 17,00 horas, que actualmente teñen as prazas esgotadas a ambas exposicións. Deste xeito cóntase cun total de seis visitas guiadas diarias, de martes a domingo, para que o público poida afondar nas exposicións —que tamén poden visitarse por libre, con entrada de balde—.

A mostra internacional Unha vida viquinga inaugurouse o pasado venres 12 de xullo, esgotando en poucas horas as prazas dispoñibles para as visitas comentadas nos seus primeiros días de apertura. Trátase dun proxecto que espertou grande interese por parte do público e que cuestiona grandes clixés da cultura popular sobre a Era Viquinga, amosando en Galicia pezas históricas e arqueolóxicas de museos nacionais de Suecia, Dinamarca e Francia nunca antes exhibidas en España.

O relato da exposición artéllase ao redor do que poderían ser os períodos vitais dunha persoa durante a época viquinga e trata tamén as diferentes campañas de exploración, incursións e relacións comerciais que se estableceron en diferentes puntos de Europa, entre os que se inclúe o noroeste peninsular. Pode visitarse no Museo Centro Gaiás, con entrada de balde, ata o vindeiro 5 de xaneiro de 2025.

‘Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum’

O vindeiro 4 de agosto a Cidade da Cultura despide ademais outro dos grandes proxectos expositivos internacionais deste ano: Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum. Organizada pola Xunta de Galicia, en colaboración co Terra Sancta Museum de Xerusalén, a Custodia de Terra Santa e o Museu Calouste Gulbenkian de Lisboa, a mostra achegou a Santiago de Compostela, por vez primeira e como única cita en España, un dos grandes tesouros históricos e artísticos do mundo, composto por ofrendas das grandes casas reais europeas a Terra Santa ao longo de medio milenio.

A mostra, que só percorrerá catro cidades do mundo antes de volver a Xerusalén (Lisboa, Santiago de Compostela, e dúas citas máis en Europa e nos Estados Unidos, respectivamente), abriu as súas portas ao público o pasado 22 de marzo e desde entón colleita xa máis de 30.000 visitas.

Outros artigos

Unha fronte fría deixará chuvias e un descenso térmico este domingo

A nubosidade irá en aumento dende a mañá pola fachada atlántica, con precipitacións máis probables na Coruña, as Rías Baixas e a Mariña As temperaturas máximas experimentarán unha baixada moderada, mentres que as mínimas tenderán a subir A chegada dunha fronte fría...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.