O Laboratorio Ecosocial do Barbanza (Fundación RIA) convoca unha nova xornada de voluntariado en Rianxo, actuando esta vez no monte de Paradela. A actividade levarase a cabo n a mañá do sábado 27 de xullo e centrará o seu traballo na eliminación de acacia nos mananciais da traída de augas veciñal de Paradela. A xeira de traballo estará novamente aberta á participación de todos os públicos e dará comezo ás 10 da mañá desde Paradela, Taragoña.
Segundo confirma o Laboratorio, será necesaria inscrición para participar, que deberá realizarse enviando un correo electrónico a info@montescola.org ata o xoves 25 inclusive. Ao rematar os traballos ofrecerase xantar de albaroque ás persoas participantes.
Coordinada por Montescola –entidade a cargo das actividades de prospectiva comunitaria, voluntariado e educación medioambiental do Laboratorio Ecosocial do Barbanza–, a xornada conta tamén coa colaboración da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Paradela.
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.




