Guadi Galego iniciará este xoves, 4 de xullo, a súa xira de verán, na que continuará festexando os seus 25 anos sobre os escenarios. A creadora, que actúa hoxe no festival PortAmérica, visitará nos vindeiras semanas localidades como Ames, Carballo, Meis, Muros, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Vilaxoán ou Zas, entre outras.
Os concertos da xira de verán contarán cun repertorio no que Guadi Galego revisará temas do seu último disco, Roibén, mais tamén pezas doutros traballos e mesmo algúns dos seus novos sinxelos, como O.D.A ou O Mar. Sobre o escenario, a creadora acompañarase da banda coa que este ano presentou o seu novo directo, Síntese Horizonte: Guillerme Fernández (guitarra acústica eléctrica e sintetizada), Rubén Iglesias (baixo e sintetizadores), Isaac Palacín (batería e percursión) e Álex Fernández (teclados); e, como vocalistas e pezas chave do directo, Paula Romero, Faia Díaz, Inés Salvado e Rocío Jiménez.

Guadi Galego
É unha das artistas máis relevantes da escena musical galega. A súa andaina musical comezou sendo ela moi nova, un camiño fiado especialmente a Berrogüeto como vocalista, pianista e gaiteira, e que, co tempo, deu paso a outros proxectos máis persoais, como Espido ou Nordestin@s. No 2009 inicia a súa carreira en solitario con Benzón. Logo chegarían os Lúas de Outubro e Agosto, O mundo está parado, Inmersión, Costuras ou o máis recente Roibén (2022), LP que presentou en diferentes puntos da xeografía peninsular.
Logo dunha simbólica ausencia nos escenarios do país, Guadi Galego segue a atravesar etapas e dá paso a novos horizontes, sen esquecer que a vida existiu e persiste nela. Se no mes de setembro lanzaba o sinxelo O.D.A, unha declaración de intencións sobre a madurez e aceptación da vida, e na que reivindica o dereito a seguir experimentando, no 2024 presenta o directo Síntese Horizonte, unha aposta da propia Guadi pola evolución do seu son, pois con cada disco, e con cada espectáculo, foi aprendendo a desaprender do establecido.
VINDEIROS CONCERTOS DE GUADI GALEGO
04/07 – Festival PortAmérica, Portas.
06/07 – Curro da Praza, Muros.
12/07 – Alameda de Carballo.
14/07 – Campo da Feira da Vila, Meis.
24/07 – Por anunciar.
31/07 – Ciclo Con voz de muller, Pontevedra.
09/08 – Bertamiráns, Ames.
10/08 – Festa da Carballeira, Zas.
14/08 – Festas de San Roque, Vilagarcía de Arousa.
16/08 – Por anunciar.
31/08 – Por anunciar.
14/09 – Festival Revenidas, Vilaxoán
15/09 – Por anunciar.



