“Día de Santiago e de Galicia”. Antonio González Millán

26 Xullo 2024

Cada 25 de xullo xurde a oportunidade para que celebremos unha xornada festiva de orixe relixiosa e dipomática —durante séculos que superan un milenio definidora da identidade do antigo reino de Galicia entre os pobos de Europa— e dende fai xa máis de cen anos políticamente reivindicativa dos anceios por recuperar a vedra nacionalidade da Terra.

Na panorámica histórica que imos trazando do Barbanza hoxe lembraremos un dos debuxos que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao trazou dos monumentos da Pobra do Caramiñal para ilustrar as súas investigacións. Non é a única representación deso que conforma a imaxe de nós e que nós definimos contemporáneamente como identidade de seu. Máis desta sorte de asuntos artísticos trataremos noutra ocasión.

En tempos medievais A Pobra do Deán era á alba do século XIV fondeadoiro privilexiado da ría da Arousa, vila de vidas mariñeiras e de comercio gobernada polo decano do cabido compostelá, freguesia de asento para familias de fidalguías emerxentes como para gremios. Todo así, localidade próspera e de referencia para situar xeográficamente a entidades de población de ton menor, definida en reiteradas ocasións pola tríada dun ser porto, pobo e parroquia en documentos inequívocos.

Fai máis de vinte anos que dábamos a saber en catálogos e exposicións de ámbito galego da existencia aquí do templo consagrado ao apóstolo Santiago puntualizando a suposta cronoloxía do prof. Caamaño así como da notable serie iconográfica de esculturas que o representan figurado como prelado, peregrino, misioneiro ou cabaleiro guerreiro en defensa do padroado nas Españas, tamén das de alén nós. Imaxes que seguen trazas de estilos como o tardo románico, renacente, barroco e clasicista. Non obstante, entre tanta arte a Castelao chamaríalle a atención unha sinxela cruz antefixa, situada no cumio feito de lousas que protexe polo exterior do edificio o arco triunfal do presbiterio ou capela maior. Aí está, humildísima, entre as fermosas ilustracións do seu monográfico sobre «As cruces de pedra na Galiza». Máis, como veremos, traicionado pola vista observándoa a pé de rúa.

Velaí temos a súa representación, identificada como da ‘Puebla do Deán’. Grazas ás recentes obras de rehabilitación nas cubertas da igrexa puidemos acceder a ela e observar catro datos relevantes, descoñecidos e inéditos, ata hoxe, en que os publicamos para xeral coñecemento.

1.— Esta cruz está fragmentada pola base e unida á pedra grazas a un morteiro antigo.

2.— Precisamente, na base e sobre a lousa do cumio, existe a pegada dun volume de maior envergadura, perdido probablemente no século XVIII, cando algúns dos arcos faixóns da nave se desprazaron, abriron e amenaron ruina e foi preciso asentar toda a estructura do edificio.

3.— Os remates dos seus travesaños non son rectos se non labrados de extremos cóncavos.

4.— A súa tipoloxía era de crux cuadrata, ou cruz grega, e non latina como ficou a raíz da adaptación comentada, é dicir, de brazos de igual lonxitude, e que se ensanchan desde o centro cara aos extremos. Formato de imita as cruces de uso ceremonial, pezas portátiles, feitas en madeira ou en metal, propias da alta época medieval. A que acompaña o noso texto pertence á igrexa de Santiago de Gagos, en Celorico de Basto, (distrito de Braga, Portugal).

Preguntarán o porqué dese basamento ao que inicialmente estaría unido a cruz. A xeito de hipótese é probable que o volume esculpido e suprimido nun tempo indeterminado fora a figura do AGNUS DEI, ou AÑO MÍSTICO sobre o que triunfa a cruz de Cristo, e que na liturxia do rito romano era e é invocado como símbolo propiciatorio de perdoanza e paz. Ese mesmo “año de deus” segue presente noutros templos románicos e góticos polas terras do Barbanza e Sar. Aproveitemos para facer unha excursión e visitar con curiosidade tanto patrimonio cheo de curiosidades e de detalles para os ollos que miran atentos á beleza creada e legada polos devanceiros e que nós debemos mimar.

Outros artigos

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...

+

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

+

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...