O dúo Desastronauts vai achegar este martes 23 de xullo en Boiro un espectáculo para o público infantil e familiar: Circo Expreso II. Será ás 20.30 horas na praia de Barraña, a carón do edificio das Colonias.
O dúo formado por Raquel Veganzones e Girisho Gordon, ambos graduados da escola The Circus Space de Londres, constituíu a compañía Circo Expreso en 2004 en Londres, e pasan a chamarse Desastronauts en 2009. A súa traxectoria paseou as súas impresionantes acrobacias por medio mundo: co seu espectáculo Too High estiveron de circuíto co circo británico Happy’s Circus, actuaron na Convención Nacional de Malabares en Crawley 2004, participaron no Festival de Glastombury e en varios cabarés de circo en Londres. Gordon chegou a participar no espectáculo de apertura das Olimpíadas Asiáticas en Qatar, e Veganzones levou a súa trapecio ata o Caribe ou a India.
Agora, con máis de 20 anos no mundo do circo, Raquel e Girisho presentan o seu quinto espectáculo de circo contemporáneo: Circo Expreso II. O argumento é o seguinte: dous eminentes artistas de circo teiman en demostrar quen é o mellor artista. Girisho ten confianza, é entusiasta pero non moi intelixente. Raquel é estrita, metódica e moi hábil. Non se deterán ante nada para gañarse a aprobación do seu público
.