Actívase en Fonseca (USC) a Cátedra Institucional Rosalía de Castro

05 Xullo 2024

A Cátedra Institucional Rosalía de Castro iniciou este venres 5 de xullo, oficialmente, a súa andaina. Fíxoo cun acto no Salón Nobre do Colexio de Fonseca (USC) presidido polo reitor Antonio López, no que tamén se lle concedeu a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago á profesora emérita da Universidade de Londres Catherine Davies. A Cátedra dedicarase ao estudo académico e crítico da obra e da figura de Rosalía nas súas múltiples dimensións, buscando reforzar a súa proxección e coñecemento tanto no ámbito galego e peninsular como internacional, aspecto que salientou o reitor, quen cualificou a escritora como “figura senlleira”.

Xurdida como froito dun convenio co Parlamento de Galicia e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, terá como prioridade promover achegas sobre a autora dende perspectivas e paradigmas renovadores, pero “sen esquecer a atención a aspectos máis tradicionalmente filolóxicos, como o coñecemento crítico da obra e da figura da escritora en todos os seus aspectos, así como fomentar edicións do conxunto da súa produción, sen desbotas posíbeis textos inéditos”, sinalou o co-director da Cátedra, o profesor da USC Fernando Cabo, quen engadiu que “xa se deron os primeiros pasos coa participación en congresos e seminarios para difundir aínda máis a obra dunha escritora de primeira magnitude” e de “relevancia cada vez máis innegábel”, aínda que paradoxalmente “nunca puido matricularse na USC” por estar prohibido ás mulleres naquela época, explicou.

Pola súa banda, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, subliñou que a creación da Cátedra é “un momento histórico” e valorou que todo o mundo coñece a figura de Rosalía, “e cando falamos de cultura galega a primeira na que pensamos é en Rosalía”. García engadiu que é un privilexio que se permita seguir estudando e descubrindo a Rosalía, “unha muller que logrou ser o referente dunha lingua, a galega, fito que non ocorreu con outro idioma”. Neste senso, o responsábel de Lingua da Xunta destacou o labor investigador ao redor da autora que, lembrou, “sempre nos acaba por ensinar novas perspectivas e reflexións”. Así agarda que se leve a cabo con esta Cátedra, froito dun convenio co Parlamento de Galicia e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Na Cátedra potenciaranse a figura de Rosalía de Castro e a súa obra como elementos dinamizadores das concepcións máis tradicionais referidas á historia literaria, á literatura nacional, aos xéneros literarios e á relación entre escritura e territorio ou entre escritura e identidade de xénero. Tamén se afondará no estudo da significación de Rosalía desde a perspectiva da memoria pública e promoverase a realización de cartografías e outro tipo de achegas, nas que o territorio da provincia da Coruña terá por forza un protagonismo destacado.

Ademais organizaranse actividades de fomento do desenvolvemento local na xeografía vital da autora, en particular na vila de Padrón e a súa contorna (Dodro, Ames…) e nas cidades de Compostela e A Coruña; dinamizaranse iniciativas e facilitaranse colaboracións con entidades relacionadas coa traxectoria, o pensamento e a obra a escritora, así como coas dedicadas a outras figuras canónicas (Pondal, Pardo Bazán ou Curros Enríquez), de modo que o foco abranga a literatura e sociedade do século XIX en toda a súa complexidade; colaborarase na realización de iniciativas doutras entidades e realizaranse tarefas de divulgación a través da rede e de actividades como exposicións, coloquios e outras manifestacións públicas.

Castelao e Carvalho Calero
A de Rosalía de Castro enmárcase no obxectivo da USC de crear cátedras institucionais que estuden a obra académica de ilustres autoras e autores da literatura galega. Xunto á dela, en febreiro a USC incorporou á súa rede outra dedicada a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, centrada na figura, o pensamento e a obra deste representante sobranceiro da cultura galeguista contemporánea, e en particular da Xeración Nós, nas súas diversas vertentes: literatura, artes, identidade, idioma, xornalismo, cidadanía, ou activismo político. Esta cátedra terá como obxectivos principais o fomento da investigación e da difusión a nivel estatal e internacional de Castelao e da cultura galeguista, promovendo iniciativas de distinto tipo (encontros, debates, conferencias, ou estudos, entre outros) e impulsando a colaboración entre institucións e con entidades da sociedade civil.

En abril aprobouse a creación da Cátedra Carvalho Calero, que abordará a figura, o pensamento e a obra dun representante sobranceiro da cultura galeguista contemporánea e primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da USC. Entre os seus cometidos estarán a promoción e o estudo da literatura galega contemporánea, en continuidade das directrices do seu patrocinador intelectual, potenciando así o interese pola lectura e a escritura en galego, apoiando a nova creación, e estando atenta á análise das ideas sobre a Literatura e Cultura actuais, co desenvolvemento de modelos de innovación en educación, investigación e divulgación científica e cultural. 

Outros artigos

A Pobra prepárase para pedalear no 14 de xullo coa Festa da Bici

A trixésimo segunda edición da Festa da Bici da Pobra do Caramiñal convida a pedalear con fin solidario no 14 de xullo. Esta cita que reúne deporte e solidariedade arrancará ás 11.00 horas na praza Alcalde Segundo Durán; espazo que tamén se establece como meta....

+

Este venres comezan as Festas da Virxe do Carme de Rianxo

Este venres 12 de xullo comezan as Festas da Virxe Do Carme de Rianxo, que ofrecen a residentes e visitantes cinco completas xornadas de celebracións festivas con todo tipo de actividades. A axenda comeza este venres co festival RianClown a partir das 20.30 horas e co...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cuando el payaso llora” – Manuel Domínguez

“Cuando el payaso llora” – Manuel Domínguez

Cuando el Payaso llora. A punto de salir a pista, tras las cortinas, los últimos minutos, la tele habla de los niños asesinados en Gaza, el bombardeo cruento del Hospital en Ucrania, tanta muerte inocente. Al payaso le cae una lagrima, recorre su mejilla dejando...

“Igualdade e dignidade”. Luís Celeiro

“Igualdade e dignidade”. Luís Celeiro

A moitos dos que andan polas alturas da función ou da acción política gústalles falar dorespecto á vontade popular, á que a mesma Constitución de 1978 alude no seu Preámbulo,cando fala de “consolidar un Estado de Dereito que asegure o imperio da lei como expresiónda...