
Este domingo 30 de xuño celebrouse a terceira e última xornada da 2ª Feira Náutica do Freixo, que resultou ser un éxito de público, participación e implicación de asociacións e tecido empresarial. De feito, foron moitas as persoas que se achegaron ao longo dos tres días que durou o evento ata o concello de Outes para gozar das múltiples actividades que se celebraron ao longo do mesmo. A xornada deu comezo co 1º Concurso de Pesca Infantil, destinado á rapazada con idades comprendidas entre os 5 e 16 anos. Ás 11 h celebrábase a apertura dos espazos expositivos das empresas e do mercado mariñeiro, ao tempo que se desenvolvía a exhibición de embarcacións tradicionais. A continuación Culturmar e Terra de Outes celebraban unha exhibición de regata de bucetas en fronte ao peirao e, para pechar a oferta matinal, comezou o primeiro concerto do día, da man de Habana Café Son, que deleitaron ao público asistente con temas emblemáticos que se popularizaron na illa de Cuba.

Pola tarde levouse a cabo a terceira saída do roteiro Carpinteiros cos pés mollados con visita a un estaleiro, unha andaina de divulgación e coñecemento da importancia histórica da carpintaría de ribeira no concello de Outes na que se visitou o Espazo Museístico da Carpintaría de Ribeira Estaleiro de Ciprián, rematando coa visita ao estaleiro Abeijón Hermanos S.L. De seguido, tivo lugar no porto do Freixo unha nova partida do balandro Joaquín Vieta ao tempo que se celebrou a segunda ruta de caiacs, dúas maneiras diferentes de navegar e gozar da ría de Muros Noia. Ao longo da tarde, as persoas que se achegaron ata a Ribeira do Freixo puideron coñecer varios tipos de embarcacións tradicionais visitando os múltiples espazos expositivos que se estableceron ao longo do peirao, así como comprobar a pericia necesaria no proceso de construción de embarcacións tradicionais, asistindo a obradoiros de carpintaría de ribeira a cargo de Agalcari.

Na última parte da xornada era a quenda para o concerto de Habanoia, un coro vogal que deleitou ao público cantando diversas habaneras. Un dos pratos fortes do día foi a demostración e degustación gastronómica a cargo de Fernando Rodríguez e Eva Guzmán, do restaurante O Secadeiro, durante a que os asistentes puideron degustar varios pratos elaborados con produtos de mar, ao remate da cal se daba por finalizada a 2ª Feira Náutica do Freixo.
A Feira Náutica do Freixo está organizada polo Concello de Outes, co patrocinio do Galp Costa
Sostible e a Consellería do Mar, e o apoio de Portos de Galicia.



