Este venres 29 de xuño presentouse en Catoira o programa da edición 2024 da Romaría Vikinga, un acto ao que asistiu o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, que definiu a festa como unha cita con “gran atractivo turístico internacional en base aos valores culturais, tradicionais e tamén etnográficos” e que, ademais, conta co apoio da Xunta de Galicia na súa condición de festividade de interese turístico internacional. Neste senso, lembrou que Turismo de Galicia apoia a celebración con 40.000 euros e destacou tamén o significado destas celebracións en tanto que “serven para estreitar lazos entre os pobos”. Así, destacou os contactos realizados cos países nórdicos para construír barcos de acordo ás técnicas tradicionais desas rexións.

Unha festividade histórica
A Romaría Viquinga de Catoira é unha das celebracións máis singulares e coñecidas en Galicia. Segundo explica o Concello de Catoira, a tradición desta festa profana remóntase a 1960, cando se celebrou por vez primeira un acto rememorando os desembarcos nas terras do Ulla. Foron os membros do Ateneo do Ullán —foro artístico e literario integrado por intelectuais da zona— os precursores dun festexo que comezou sendo unha reunión de amigos con inquedanzas culturais comúns. A partir de 1965, os traballadores dunha empresa local remudáronos, e durante case 25 anos asumiron a organización e patrocinio dunha romaría que, co paso do tempo, consolidouse e adquiriu máis sona internacional.
En 1989, dadas as dimensións que ía adquirindo a Romaría e o crecente investimento preciso para dar resposta ás expectativas que espertaba, foi o goberno local o que asumiu a organización do evento. Este novo período estivo marcado pola introdución de novidades que enriqueceron a festa e pola súa proxección a nivel autonómico, nacional e internacional. Un bo exemplo disto é a irmandade que se establece con Frederikssund, a vila de maior tradición viquinga en Dinamarca.




