Os nosos Concellos vixiarán que as cacharelas cumpren cos requisitos de seguridade esixidos

10 Xuño 2024

O Concello de Noia publicou un bando municipal no que clarifica a normativa a seguir pola cidadanía en relación ás cacharelas de San Xoan e San Pedro. Segundo se explica, autorízanse as cacharelas en espazos particulares, previa petición do permiso, no Rexistro Xeral do Concello, sendo a data límite para a solicitude de permisos o 21 de xuño ás 13:30 horas. Por outra banda, están prohibidas as cacharelas es espazos de titularidade pública (xardíns, parques, prazas, praias, zonas de proximidade das masas arbóreas, etc). En caso de xurdir algún problema ou incidencia, a cidadanía deberá chamar aos servizos de Protección Civil (981 824 222) e Policía Local (981 842 101).

En Outes o Concello tamén publicou as normas de “obrigado cumprimento” para realizar as cacharelas. Dende o Consistorio lembran que “as persoas ou asociacións que desexen realizar unha cacharela deberán presentar unha solicitude no concello antes das 14:00 horas do día 20 de xuño”. Por outra banda, “non está permitido facer as laradas en praias, camiños, xardíns ou parques, nin nas proximidades das superficies forestais”. E engádese: “As laradas situaranse en lugares seguros nos que non exista perigo de propagación accidental cara as vivendas, instalación de cableado ou terreos próximos”.

Polo que se refire a Boiro, o Concello comunicou a apertura do prazo de solicitude e comunicación das cacharelas en terreos públicos e privados para a noite de San Xoán 2024. O prazo de presentación de solicitudes está xa aberto ata o vindeiro 20 de xuño, e poderase realizar mediante o Rexistro Xeral ou na sede electrónica municipal. As zonas para realizar cacharelas en espazos públicos están delimitadas e, para solicitalas, deberase confirmar previamente co departamento de Medio Ambiente para poder tramitar a correspondente solicitude. No caso de cacharelas particulares, as persoas interesadas deberán facer a correspondente comunicación previa e cumprir coas medidas de seguridade e preventivas esixidas. As autorizacións unicamente permiten as cacharelas a partir das 18.00 horas do día 23 de xuño, debendo quedar perfectamente apagadas antes das 6.00 horas do 24 de xuño. Como norma xeral deberase facer unha devasa (cortalumes) para o perímetro que se vai queimar; non se poderá prender lume a menos de 15 metros de edificacións, instalacións ou árbores; non está permitida a queima de certo tipo de residuos; deberase contar coas medidas de prevención do lume; e o volume das cacharelas non poderá exceder os 2 metros de altura e 3 de diámetro. Toda a información e modelos de solicitude están dispoñíbeis na web municipal.

Na Pobra, o Concello xa compartiu a semana pasada a información municipal relativa á vindeira celebración de San Xoán, na noite que vai do 23 so 24 de xuño. Segundo se fai saber no bando publicado este 6 de xuño, o obxectivo do Concello é “potenciar a cultura e a tradición galegas, entre elas unha de gran arraigamento como é a festividade de San Xoán”. Na publicación indícase que só se poderán facer cacharelas nos Areos (no treito vai dende a rampla ata a zona de duchas, no inicio do paseo dos Areos), na Lombiña (dúas fogueiras, unha na entrada e outra na contorna do campo de voleibol) e máis na de Raposiños (unha única fogueira). De haber máis dunha solicitude para esas zonas, as persoas organizadoras deberán poñerse de acordo, do contrario daráselle prioridade á primeira solicitude presentada no rexistro, explícase no bando, onde se engade que as solicitudes para outros lugares onde se veñen celebrando de maneira tradicional serán atendidas individualmente e autorizadas ou non en función do risco que supoñan e da capacidade do Concello para realizar control sobre elas. Ademais, todas as fogueiras deberán contar coa autorización do Concello e presentarán con antelación a solicitude no rexistro municipal ou na sede electrónica. A persoa asinante será a responsábel da fogueira e do cumprimento de todas as normas recollidas no bando.

Quedan especificamente prohibidas nas praias da Corna, A Illa e A Barca.

Outros artigos

Luns continúa a choiva e as temperaturas sen cambios

O luns unha fronte fría, asociada a esa borrasca, afectará a Galicia, especialmente na segunda metade do día. Así comezaremos a xornada cos ceos moi nubrados, con chuvias no litoral atlántico, localmente fortes. As temperaturas mínimas terán un lixeiro ascenso,...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cariño: un pequeno gran punto negro contaminante”

“Cariño: un pequeno gran punto negro contaminante”

Non se sabe con exactitude o grao de contaminación que pode provocar en Galicia unha empresa que, como Altri (en Palas de Rei, Lugo), vai utilizar o eucalipto como materia prima a partir da que extraer fibras téxtiles; máis é evidente que existe medo ao que a...

“Tiempos verbales”. Alberto Barciela

“Tiempos verbales”. Alberto Barciela

No sé en que justo momento, si es que lo hubo alguna vez, perdimos el rumbo político y el social. No identifico en qué instante se distrajeron las referencias de los valores esenciales para la convivencia, para el entendimiento, para la discusión constructiva y la...