
Juan Caballero.- Brillante fin de festa velística na comarca do Barbanza, cunha inmellorábel segunda xornada da XXIV Regata Ramiro Carregal Rey, o Gran Trofeo Faro de Corrubedo que convocaba o Real Club Náutico Portosín en colaboración co Náutico Deportivo de Ribeira e a Real Federación Galega de Vela, por ser puntuábel na Copa de Galicia de Cruceiros e Campionato Galego da modalidade.
Neste segundo día da competición foi quenda das probas técnicas, tralo costeiro do sábado entre Portosín e Ribeira. O vento acudiu á cita puntual, cun norte de 10 nós de media de intensidade, que na ría de Arousa impulsou o velame dos 22 barcos alí navegando, co barlovento cara á illa de Rúa e o sotavento cara a Sálvora, moi preto dos illotes Noro e Vionta.
Dous bastóns, de hora e media cada un, sobre un campo da regata montado en liña de 1,5 millas náuticas, con dúas subidas e dúas baixadas que trazaban unha derrota de 6 millas cada manga, dúas en total.
Reto para as manobras e a habilidade das tripulacións, que manexan drizas e escotas con moita ciencia e cautela para non enredar a cabuiería e velame.
Con estas premisas e coa tensión de manter o tipo na listaxe provisional dos caixóns do podio, o Siradella, de Francisco Gude e César Álvarez, soubo xestionar moi ben a presión e a potencia da súa IMX 40, un puro sangue que les proporcionou unha tripla vitoria: o seu División de Regata; Campión Galego de ORC 0-3 e vencedor do Gran Trofeo Faro de Corrubedo, un éxito que a recado celebrarán no seu Real Club Náutico de Portosín, grímpola que representan, facendo historia cando este premio xa o gañaban hai 20 anos na illa de Sálvora, por aquel entón propiedade de Ramiro Carregal.

A segunda praza en regata foi para o Bon III, de Víctor Carrión. O barco do Club Náutico Punta Lagoa levouse este trofeo na edición do pasado ano de 2023. E o bronce adxudicoullo o Peperetes/Nortemar, de José Manuel Millán, do Real Club de Regatas de Galicia.
En Cruceiros/Regata o primeiro banzo ocupouno o Orión, de Alberto Pérez, do Monte Real Club de Iates de Baiona, proclamándose Campión Galego de Cruceiros ORC 4-5. Segundo foi o Ziralla Primero, de Ramón Barreiro, do Ro Yacht Club. E terceiro o Ronáutica Marinas, de Joaquín Carneiro, representante do Club Náutico Santo Telmo.

Por último, en Cruceiros, o cetro dourado levouno o Cámping Ría de Arousa, de José Manuel Pombar, do Club Náutico Arousa Norte. Prata para o Galopín, de Manuel Franco, do Club Náutico Deportivo de Ribeira, entidade á que tamén defende o terceiro clasificado, que foi A Píllara, de Iago Ben.
A entrega de premios celebrouse ás cinco e media da tarde, sendo presidida por Ramiro Carregal, acompañado dos presidentes de Portosín e Ribeira, Jorge Arán e José Luís Torres Colomer, respectivamente, así como do alcalde de Porto do Son, Luís Oujo Pouso; os seus edís de cultura e deportes, Alicia Martínez e Carlos Lorenzo; o presidente da Real Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde; o patrón maior da Confraría de Pescadores de Portosín, Isaac Gaciño; así como de membros de ambas as xuntas directivas dos clubs organizador e colaborador.
A gran próxima cita velística da comarca do Barbanza celebrarase este vindeiro sábado 29 de xuño, coa Regata FRINSA, que tamén patrocina Ramiro Carregal e organiza o Náutico de Ribeira.




