A Deputación da Coruña celebrou este 31 de maio o pleno ordinario correspondente ao devandito mes, no que se aprobou por unanimidade a asignación dos primeiros 50,5 millóns de euros do Plan Único (POS+2024), que inclúen financiamento de 236 obras nos municipios da provincia e 7 millóns de euros para o financiamento de gastos sociais dos concellos. O Goberno da entidade provincial explicou que se trata da primeira achega do POS+2024 (que este ano conta cun orzamento total de 100,5 millóns de euros para os 93 concellos coruñeses) e que nos vindeiros meses aprobarase o destino dos restantes 50 millóns. En consecuencia a entidade provincial aclarou “que o Plan Único podería superar este ano as 500 obras financiadas na provincia”. No caso do Barbanza, dos ditos 100,5 millóns de euros do POS, irán destinados aos nosos concellos 13.075.451,81 millóns de euros, dos cales 5,478.962,92 correspóndese ao capítulo de contía inicial, 881.672,19 ao social e 6.714.816,70 ao adicional.
A entidade que presidente Valentín González engadiu que o Plan Único é “o maior plan de obras e servizos das catro deputacións galegas e un dos máis importantes de España, con achegas económicas aos municipios que, ao final do ano, representan entre 90 e 100 millóns de euros anuais, case a metade do orzamento da Deputación da Coruña”.
Ademais, permite que sexan os municipios os que decidan o destino de fondos en función das súas necesidades: obras e investimentos, mantemento de servizos públicos esenciais, gasto corrente, redución da débeda ou mantemento de servizos e axudas sociais.
O presidente, Valentín González Formoso, destacou que o Plan Único “multiplicou por tres o investimento da Deputación da Coruña nos concellos desta provincia” e converteuse “nunha ferramenta imprescindíbel para que os municipios coruñeses melloren as súas infraestruturas en función das necesidades de cada, podan ofrecer á cidadanía servizos públicos de calidade e reforcen os seus servizos sociais”, subliñou.
236 obras na provincia
Con cargo a estes primeiros 50 millóns de euros do POS+2024, os concellos financiarán un total de 236 obras na provincia, que foron aprobadas no pleno provincial e que suman un investimento total de 24,1 millóns euros. Outros 19,2 millóns serán destinados polos concellos a financiar gastos correntes que melloran servizos públicos municipais como alumeado público, limpeza viaria, recollida de lixo ou mantemento de zonas verdes e 7 millóns de euros a investimentos e programas de carácter social destinados á protección dos colectivos máis vulnerábeis.
Sinalar que só catro dos 93 concellos optan por destinar unha pequena parte dos fondos (un total de 77.002 €) a amortización de débeda, o que é indicativo da boa saúde económica dos concellos da provincia tras anos nos que os fondos do Plan Único lles permitiron amortizar as súas débedas sen xuros.
No Barbanza
Nos concellos da comarca do Barbanza, o Plan Único suma nesta primeira achega 32 obras na nosa contorna, onde suma un investimento total de 6,3 millóns de euros.
En Boiro inclúense os seguintes proxectos: renovación do pavimento e mellora seguridade viaria na subida a Espiñeira (147.100,33 euros achegados pola Deputación), renovación servizos e pavimentación na rúa 52 dende encontro con DP1107 ata O Esteiro (145.608,69 euros achegados pola Deputación) e renovación pavimentos Boiro de Arriba, Armada e Aspa (Bealo), Cubeliños, Pazos de Coroño e outros (153.206,10 euros).
En Carnota os proxectos son: recollida da escorrentía superficial en Lariño (65.513,41 achegados pola Deputación), saneamento na aldea de Miñarzo-Lira (113.053,13) e aseos en edificio municipal en Campo do Viso (26.936,98 achegados).
En Lousame inclúese a mellora viaria de Pousada a Carantoña (50.245,61 euros), a mellora núcleo de Abeixón (41.139,99) e a mellora do viario da Cabalariza a DP-1103 (64.640,63).
En Mazaricos a Deputación cubre a contía da pavimentación camiños parroquias de Albores, Antes, Beba, Coiro, Corzón, Chacín, Maroñas e Mazaricos (258.035,38) e en Muros a humanización da rúa Real, fase II, cunha achega provincial de 191.715,60 euros.
En Noia inclúense as seguintes iniciativas: saneamento en Augalevada- Santa Cristina de Barro (119.489,09 achegados pola Deputación), mellora do firme da rúa Pintor Xenaro Carrero e ramais (38.546,67) e mellora da accesibilidade á pista multideporte no Centro infantil e primaria Felipe de Castro (48.315,84). Polo que se refire aos proxectos de Outes, son os seguintes: pavimentado de vías do núcleo de Moledo (58.416,30), pavimentado de viario do núcleo de Cambeiro (35.497,18), muro na Famelga (36.015,25) e mellora núcleo de Sendón (68.304,40).
Na Pobra, a Deputación cubrirá a práctica totalidade das seguintes iniciativas: mellora de accesibilidade e seguridade da praia dos Areos (30.062,52); mellora da accesibilidade, instalación de cancelas e tratamento de fachadas na Praza de Abastos (34.859,72); paseo praia da Lombiña ao Campo da Alta (47.966,67) e pavimentado de viario no Polígono da Tomada (42.631,91).
En Porto do Son o POS apoiará con 53.138,93 euros a renovación de carpintarías na Casa da Cultura de Queiruga e o con 165.823,58 euros ao saneamento e abastecemento no lugar da Mótega.
En Rianxo a entidade provincial achegará 90.713,70 euros á conexión de rede de abastecemento de auga entre Corques e Outeiro de Taragoña pola AC-305; 39.999,99 euros para a iluminación do paseo marítimo entre Setefogas e A Torre, Fase II; outros 39.999,99 para o alumeado público do paseo entre Setefogas e A Torre, Fase III; e 197.582,00 para a ampliación de redes de abastecemento e saneamento con depuración no lugar de Vilanustre, en Asados.
En Ribeira, a Deputación contribúe á ampliación da liña de auga na rúa Río Azor, en Palmeira, con 95.453,28 euros; ao pavimentado do camiño Vilar – Vixán (Carreira) con 106.500,53 euros; á rede de pluviais e pavimentado das rúas Revolta e Fonteseca, en Castiñeiras, con 112.109,07; e á renovación da rede de abastecemento. na rúa da Cerca, Aguiño, con 144.357,80.
Outros asuntos do pleno
No apartado de Vías e Obras, o pleno deu luz verde a investimentos en estradas provinciais por importe de máis de 1 millón de euros entre os que destacan a mellora do firme da estrada DP 1914 ao seu paso por Val do Dubra, entre os PQ 23+500 e 26+500 con 446.599 euros, a mellora da estrada DP 5604 entre os PQ 19+240 e 20+631 en Santa Comba (133.570 €) e a mellora dos catro primeiros quilómetros da DP 7304 de Xarás a Olveira, en Ribeira, cun orzamento de 450.593 euros, todas elas incluídas no Plan de Conservación de Estradas Provinciais.
Tamén se deu luz verde, no marco dun expediente de modificación de créditos, a unha achega de 750.000 euros coa que a Deputación da Coruña contribuirá co Concello de Ferrol no financiamento do novo sistema de iluminación do Campo de Fútbol de A Malata, en Ferrol, para que esta instalación municipal se adapte aos requirimentos da Liga de Fútbol Profesional.
Aprobouse tamén, por unanimidade de todos os grupos a achega da Deputación ao Consorcio para a Promoción da Música para financiar a actividade da Orquestra Sinfónica de Galicia, cunha achega provincial de 1,5 millóns de euros.