
O Concello de Rianxo fixo esta semana un chamamento á adopción de animais abandonados, unha práctica solidaria que está a ser apoiada dende a Xunta de Galicia con incentivos, por exemplo a convocatoria de até 150 euros para as persoas que adopten un animal sen fogar co fin de cubrir os primeiros gastos veterinarios e de identificación que teñen que asumir os cidadáns cando deciden dar este paso.
Dende o Concello rianxeiro engaden que no centro local de recollida de animais abandonados hai 33 cans que buscan un fogar. As persoas que teñan interese en acoller un dos residentes do refuxio poden chamar ao teléfono móbil 667185579.
Dende o Consistorio lembran tamén que “a atención dos cans abandonados no municipio suponlle ao Concello de Rianxo un gasto mensual de 7.000€”.
O alcalde Julián Bustelo, fai un chamamento á veciñanza para erradicar o abandono, “unha práctica cruel, reprobábel e ilegal, que ademais lle xera un importe custo ás arcas municipais”, sinalou o rexedor.



