
O Real Club Náutico Portosín albergará este sábado 29 de xuño a III Gala Solidaria da Xunta Local de Porto do Son da Asociación Española Contra o Cancro – AECC. O evento foi presentado este xoves na biblioteca do Real portosinense, nun acto presidido polo alcalde do Son, Luís Oujo Pouso, acompañado de María José Torres Calo, presidenta da asociación, e do Comodoro do club, Fernando González.
A velada será un encontro solidario entre máis de 250 comensais que, unidos pola causa común de loitar, combater e erradicar o cancro, axuntarán esforzos solidarios coa Xunta Local da AECC en Porto do Son, que organiza a III Cea Benéfica para recadar fondos destinados á axuda na investigación da enfermidade.
A gala estará conducida por Juan Fuentes, natural da comarca e coñecido polo seu gran traballo á fronte do televisivo programa da TVG “Quen anda aí”.
“Dentro dos actos sociais deste club este é, sen dúbida, o máis importante de todos”, comentaba González. “Cada ano, cando nos chama María José é para nós unha gran responsabilidade, porque consideramos que é un acto que ten que saír moi ben”, finalizaba dicindo o Comodoro.
“As entradas para a cea están todas esgotadas. Vendéronse as 250 que se puxeron en circulación xa que é o aforo do restaurante do Náutico de Portosín”, explicaba Torres Calo. “Todas aquelas persoas que queiran participar e contribuír cunha doazón pódeno facer na Fila Cero nunha conta aberta para tal fin”, detallaba a presidenta da AECC de Porto do Son.
Pechaba a quenda de intervencións o alcalde do municipio que dicía que “esta é unha rolda de prensa que non debía existir, porque non nos gustaría estar hoxe aquí. Iso significaría que se atopou unha cura para esta secuela que é a enfermidade do cancro”. O máximo rexedor do Son terminaba dicindo que “convido a todas as persoas que se somen a este acto solidario e contribúan co que poidan, pero que participen.
É unha boa causa”.
Durante o transcurso da Gala venderanse contorna a unhas 2.500 rifas que serán sorteadas para levar algún dos moitos artigos doados de maneira desinteresada por comerciantes e empresas do Barbanza.
A Fila Cero, na que se poderá facer un donativo, é o número de conta ES45 2080 0000 7330 4001 8073.




