O BNG reclama á Xunta “que asuma as competencias que lle corresponden” na xestión dos conservatorios de música

01 Xuño 2024
A visita ao Conservatorio de Ribeira

A portavoz de Educación, Cristina Fernández Davila, reclamou ao Goberno da Xutna que “asuma as competencias que lle corresponden na xestión dos conservatorios e cuxos custos recaen en moitos concellos nos que están situadas as súas instalacións”, sinalou, engadindo que o BNG rexistrou no Parlamento unha iniciativa na que lle demanda á Administración galega que “costee o servizo educativo na súa totalidade, nas áreas de mantemento, dotacións, materiais educativos e instrumentos, persoal docente e non docente”.

Segundo explicou, “na nosa terra polo menos 23 concellos están asumindo competencias que non lles corresponden polos conservatorios”, motivo polo que o BNG reclama que “mentres a Xunta non asuma directamente a xestión e os custes, convoque axudas para os municipios afectados e colabore na substitución ou cobertura de prazas vacantes do persoal docente mediante as listaxes da Consellería de Educación”.

O Bloque reclamou tamén que se “proporcionen as ferramentas informáticas que se precisen” para o servizo.

A responsábel da área de Educación vén de celebrar unha serie de encontros cos representantes dalgúns conservatorios, situados todos eles en concellos “cunha tradición musical relevante”, para recoller información sobre a situación destes centros de formación musical en 23 concellos galegos.

Este xoves tivo lugar unha reunión en Ribeira co alcalde Luís Pérez Barral e a concelleira Antía Alberte, e coa dirección do conservatorio con vistas a avaliar a situación na que se encontra o mesmo, así como os problemas “non só dos alumnos e das familias, senón tamén dos responsábeis da área de ensino, que se ven abocados a xestionar e asumir o custo das instalacións, así como os salarios do persoal docente adscrito ao mesmo”, sinalou.

A encargada da área de Educación xuntouse tamén no Parlamento con representantes dos pais e das nais de Carballo, Culleredo, Betanzos, As Pontes, Arzúa, Melide, Noia e Ribeira.

Fernández Davila considera “necesario que a Administración galega asuma as súas competencias pois a situación actual está a ocasionar prexuízos e discriminacións sobre todo no ámbito rural”, onde é habitual que os usuarios e as usuarias dos conservatorios paguen máis polas taxas da matrícula e mensualidades, un gasto que se suma aos cartos que unha boa parte dos e das estudantes teñen que desembolsar polos desprazamentos até os centros”.

A deputada nacionalista dixo tamén que “hai escaseza de persoal á hora de cubrir as baixas” e sinalou algúns dos 23 concellos que están a asumir a xestión e “o custo practicamente completo dos centros educativos de música, con titulación oficial e regrada, no grao profesional e que dependen da Consellería de Educación”. Trátase, sinalou, de concellos tan diversos como Tui, O Barco de Valdeorras, Vilagarcía de Arousa, Carballiño, Redondela, Ponteareas, Viveiro, Carballo, Cangas ou Monforte de lemos, entre outros.

Segundo explicou Fernández, os concellos que están asumindo a xestión dos conservatorios “non só o fan para a súa veciñanza, pois a estes centros acoden tamén persoas doutros municipios galegos”.

No caso de Ribeira por exemplo o Concello inviste case 700.000€ anuais a manter activo este servizo, lembrou.

Na iniciativa rexistrada no Parlamento, o BNG reclama tamén a creación dunha rede de conservatorios profesionais de música, “agrupando os centros por comarcas, de acordo a criterios de proximidade, así como de poboación total, tendo en conta unha oferta equilibrada territorialmente”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...