A portavoz de Educación do BNG, Cristina Fernández denunciou este venres 14 de xuño, na Comisión 4ª, a falta de financiamento de catro centros que imparten o ciclo de Guía do medio natural e do tempo libre, o que considera “outro exemplo do desmantelamento do ensino público en beneficio das empresas privadas, prexudicando así as familias con menos recursos”.
Trátase dos Institutos de Educación Secundaria IES de Poio, o IES Pintor Colmeriro de Silleda, o IES Terra de Turonio de Gondomar e o IES Porto do Son, que teñen na súa oferta educativa este ciclo medio. Segundo dixo, o ciclo conta con módulos específicos que teñen que impartirse fóra das instalacións dos centros, “o que repercute nos orzamentos e en diversos aspectos organizativos e de xestión”. Fernández expuxo que “o alumnado precisa facer prácticas de equitación, natación, socorrismo, escalada, paddle, ou piragüismo, sen contar o centro coas instalacións apropiadas, polo que deben recorrer ao alugueiro de instalacións externas”.
Advirte que “é o centro o que asome os gastos de desprazamento do alumnado a estas instalacións”, así como a de alugueiro e material necesario para impartir o ciclo, neoprenos, cascos, bicicletas, etc., que ademais, teñen que ser repostos periodicamente por seguridade.
O BNG acusa a Consellería de Educación de “non adxudicar unha partida específica para os gastos deste Ciclo Medio que podemos establecer entre os 30.000 euros do IES Porto do Son ata os case 60.000 do IES de Poio” dependendo sobre todo das instalacións que precisen alugar de xeito externo en cada un deles. O centro, dixo, “debe dispor da metade do seu orzamento anual para atender estes ciclos,“deixando de facer investimentos necesarios en material escolar, mobiliario, actividades educativas ou reparacións e mellora nas súas instalacións”.




