O alumnado de Introdución á Historia da Galicia marítima, plan de estudos da Universidade Sénior de Ferrol (Universidade da Coruña), acudiu os días pasados a coñecer o patrimonio arqueolóxico e marítimo da nosa comarca. Concretamente, os estudantes sénior (unha ducia de participantes do plan) visitaron o Museo Marea da Memoria e o Castro de Baroña (Porto do Son) e máis fixeron un roteiro polo antigo barrio industrial da Pobra do Caramiñal: a contorna dos Areos. Fixérono na compaña do profesor José Manuel Vázquez Lijó, co obxectivo de coñecer in situ elementos significativos da cultura marítima tradicional.
A finalidade do plan de estudios pasa por “mostrar un panorámica xeral sobre a historia e a cultura marítimas de Galicia, fomentar a conciencia social sobre a importancia do patrimonio cultural marítimo como factor identitario e como fonte de lecer, e iniciar ao alumnado na utilización de recursos en liña útiles para profundar nos contidos da materia”.
En concreto, debúllase a relevancia das actividades pesqueiras e marisqueiras na Galicia de outrora, das devocións mariñeiras (a Virxe do Carme e outros cultos), a tradicional construción naval (as carpinterías de ribeira), o papel da muller este anaco crucial da nosa historia (pescas, atadoras e traballadoras da salgadura e conservas), os grandes naufraxios e pecios da nosa costa; a actividade e importancia dos faros (da funcionalidade ao recurso turístico), o patrimonio documental das confrarías e das capitanías e a historia gastronómica do mar.




