A ría da Estrela foi, é e será un destino de primeira, non só pola súa paisaxe, senón tamén polo seu patrimonio cultural, pola gastronomía e pola súa xente acolledora. Estes e outros tesouros son os que levarán na memoria medio cento de socios e socias da sección da Coruña do Caravanning Club de Galicia que visitaron esta semana algunhas das vilas da contorna e algúns dos máis destacados enclaves de relevancia turística da ría de Muros e Noia.

Se hai en setembro de 2023 aproveitaron a súa primeira visita para realizaren o Camiño a Santiago pola ría de Muros Noia, nesta ocasión dedicaron o seu tempo a visitar distintos puntos de interese pola comarca.

Na visita puideron gozar dunha climatoloxía soleada e máis propia destas datas, fronte as treboadas que sufriran o ano pasado.

Isto permitiulles visitar moitos máis destinos da ría da Estrela: dende a pila da serpe da Colexiata de San Pedro de Muros ata o porto do Freixo (Outes), pasando polo castro de Baroña (Porto do Son) ou a igrexa de San Xoán de Camboño (Lousame). Ademais de desfrutar da gastronomía da ría da Estrela, aproveitaron tamén a visita para adiantar o San Xoán e degustar unha sardiñada.




