A empresa pobrense CONGALSA, referente estatal e internacional no sector da alimentación con produtos do mar, fixo balance dos logros e retos superados relativos a 2023, publicados na Memoria anual 2023 de CONGALSA. Foi, sinálase, “un ano de desafíos e fitos significativos para nós no sector dos alimentos conxelados”.

Na memoria lémbrase que “grazas a todas as persoas que conforman a gran familia de CONGALSA facturamos un total de 151 millóns de euros nos nosos centros de Galicia e Portugal, o que significa un incremento dun 14% con respecto do ano 2022”.
Ademais, o número de traballadores incrementouse nun 3%, ata alcanzar os 697.
Ademais, no capítulo de premios, a empresa foi distinguida en 2023 polo seu modelo de xestión como unha das mellores empresas nas que traballar ao poñer no centro aos seus empregados.
Outros logros destacados do ano pasado son os alcanzados en materia de sustentabilidade: “Somos unha empresa EMAS, que demostra o noso compromiso coa xestión ambiental, alcanzamos as 0,0 emisións por adquisición de enerxía eléctrica, aforrando 6.097,4 T de CO2 grazas á enerxía xerada nas nosas instalacións fotovoltaicas, obtendo o certificado de garantía de Orixe Renovábel”.
Amais, CONGALSA levou a cabo múltiples actividades, patrocinios e colaboracións que reflicten o compromiso responsábel da empresa coa súa contorna e coa comunidade local.
En resumo, “2023 supuxo un ano de avances para Corporación CONGALSA en todos os niveis”.



