O Concello de Boiro colabora cunha nova edición da andaina solidaria Boiro, en marcha contra o cancro, que organiza a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) de Boiro. Na presentación da actividade celebrada na mañá deste 11 de xuño estiveron o alcalde, José Ramón Romero, e a presidenta da entidade, Marisa Lojo.
A andaina celebrarase o vindeiro domingo 16 de xuño con saída ás 11.00 horas da praza de Galicia e cun percorrido circular de 5 quilómetros que percorrerá o paseo marítimo de Barraña e o esteiro do río Coroño para volver á praza de Galicia. “É un percorrido moi sinxelo para que todo o mundo poida participar e colaborar con esta causa solidaria. A veciñanza de Boiro sempre amosa o seu compromiso nestas actividades”, afirmou o alcalde.
As inscricións seguen abertas teñen un prezo de 8 euros para persoas adultas e 5 euros para nenos e nenas menores de 12 anos e poden facerse na Oficina de Turismo de Boiro, na Farmacia Ortopedia Ana Torrente, na Galería Sargadelos, en Modas Naty e tamén online.
“Temos inscritas cerca de 700 persoas e animamos a todos os veciños e veciñas a que participen e colaboren con esta andaina que busca recadar fondos para a investigación do cancro”, recoñeceu Marisa Lojo.




