Avanzar na implantación de tecnoloxía é, amáis dun reto, o paso adiante necesario que permite “afinar” a discriminación entre especies de atún tropical no Atlántico, o Pacífico e o Índico. Todo elo, consecuencia do entendemento entre a Organización de Produtores Asociados de Grandes Atuneiros Conxeladores (Opagac) e a tecnolóxica española Satlink que estreitan a súa alianza para avanzar nese sentido e, paralelamente, no reforzamento das garantías de sostibilidade da súa operativa. A OPP e a empresa asinaron un acordo de colaboración para por en marcha o proxecto “Selec Tuna”, iniciativa pioneira a nivel mundial que vai permitir o despregamento de máis de 1.500 boias intelixentes da tecnoloxía Sarflik nos tres océanos citados nos que a frota de Opagac captura atún tropical.
O proxecto forma parte do Plan de Produción e Comercialización de Opagac do ano 2024, cuxo fin é dar pulo á innovación e optimizar a tecnoloxía na aplicación da mesma entre especies de atún tropical, axeitándoa aos diferentes contextos oceanográficos.
Estas novas boias intelixentes e selectivas dispoñen dun sistema de dobre ecosonda e tecnoloxía acústica que, segundo a empresa, é único no mercado e permite ao dispositivo diferenciar entre as especies de atún tropical. Deste xeito os buques poderán identificar, por unha banda, os bancos de listado e, pola outra, os de rabil e patudo.
En concreto, o proxecto “Selec Tuna” será fundamental para a mellora da frota española, que poderá centrarse nas súas especies obxectivo de cara a conservación dos reservas máis sensibles e aumentar a eficiencia da frota por mor da redución do esforzo pesqueiro e a xeración dun considerable aforro en tempo, recursos, combustible e pegada de carbono.
Un futuro de cambio substancial que vai permitir, amáis, aportar datos fiábeis e de calidade para a elaboración dos índices de abundancia que realizan distintas institucións científicas e implementan as Organizacións Rexionais de Pesca (ORP).
Talvez, co tempo, poida ser de aplicación a outras especies sobre as que case sempre hai desacordo: entre os que pescan, os que valoran o teóricamente pescado e que ditaminan o que se pode pescar.



