
Xa é unha grata realidade, o novo auditorio. Ribeira, necesitaba un auditorio en condicións e adecuado ao seu número de habitantes e da importante poboación da propia comarca do Barbanza. Este pasado sábado chegouse a inaugurar oficialmente, coa presenza de diferentes autoridades, tanto municipais, provinciais como autonómicas, sen esquecernos dos máis de catrocentos veciños que tivemos a oportunidade de poder estar presentes.
Os protocolos institucionais cumpríronse, segundo o previsto, pero había ausencias. Algúns representantes municipais, de anteriores corporacións municipais, preferiron quedarse na casa antes de acudir a un acto, un tanto descafeinado e cargado de “hipocrisía política”, segundo as súas propias palabras. Todos estaban alegres e contentos, cando non facía moito tempo as “espadas” estaban no alto pola maneira de xestionar e de afrontar a terminación dunhas polémicas obras.
Hai que lembrar que as obras do novo auditorio municipal ribeirense saíran a licitación por un importe de 2,5 millóns de euros e o custo final das mesmas ascendeu a algo máis de 6 millóns de euros. Diferentes organismos e entidades públicas colaboraron, tanto a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o propio Concello e a Unión Europea cos Fondos Estruturais e de Investimento Europeos a través do Programa EDUSI (Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado).
Polémicas á parte, agora queda promocionar e transmitir a cultura, entre a poboación. Xa non hai desculpa pola carencia de instalacións adecuadas. Agora, todo é cuestión de vontade política e da iniciativa do propio tecido asociativo da comarca.



