O pasado 15 de xuño chegaba a tan esperada inauguración do novo Auditorio de Ribeira, inauguración non exenta de polémica, todo hai que dicilo. Daría para moito dito evento pero vamos a deixar esa reflexión para outro momento, porque non é o que me fai escribir hoxe aquí, aínda que espero que dos erros tamén se aprenda para ocasións futuras.
O martes, dentro da programación, chegaba unha das actuacións estrela, a Orquestra Sinfónica de Galicia que se poñía sobre o escenario en Ribeira por primeira vez, e como moitas veciñas, unhas por uns motivos e outras por outros, alá me fun, poñéndome á cola porque a ocasión o merecía. Teño que confesar que tiña unha dobre motivación: ver a actuación da orquestra e ver, por fin, a maxestosa obra por dentro. A curiosidade e tamén a esperanza, si esperanza, de que estaba errada nas miñas sospeitas. Unha é profana na materia e podía ser que non soubese interpretar uns planos e a memoria correspondente, pero non foi así. Seguramente esta sería unha das veces que quixera estar errada. Alí comprobei que ese proxecto foi un despropósito dende o principio e ao longo de todo o seu proceso, cun presuposto inicial e outro final que o dobraba, con carencias no equipamento técnico: presupostáronse setenta mil euros e o custo final chegou aos a catrocentos mil, exemplo moi gráfico da cadea de sobrecustos sobre o proxecto inicial. O máis grave de todo é que os responsables políticos nese momento, sabían que aparte do sobrecusto do presuposto, a construción tiña deficiencias moi importantes reflexadas e advertidas en informes técnicos que foron ignorados e gardados no caixón, como por exemplo, o alto insuficiente da obra para poder instalar a maquinaria escénica á altura adecuada.
Vendeuse aos catro ventos un auditorio de medio e gran formato, sabendo que nos mentían.
Seguramente todo isto vos sone, porque correron ríos de tinta falando sobre o famoso proxecto. Aí temos a hemeroteca para poder refrescar a memoria.
E que se fixo? Nada, mirar para outro lado, ignorar a quen Pleno tras Pleno argumentaba con datos encima da mesa o que ía pasar. Por certo, agora todos nos subimos ao carro, pero “aos que viñamos a restar” como se nos dicía, quero pensar que dende o cariño, porque unha quere ser ben pensada, fixemos esa travesía soas, porque para uns eramos incómodos e para outros, incovenientes. Pero cada un elixe onde vai ser enterrado, aínda que non sexa o sitio idóneo. Chamémoslle capricho ou teima. Eu mando e ordeno e me paso polo foro o que me advirten, frase moi acaída para a ocasión.
Pero vou deixar a parte técnica e paso xa a visión que pode ter a persoa que chega por primeira vez a ese auditorio.
A entrada principal, para min, reducida pero aceptable. Pasemos á sala: constrinxida, dá sensación de claustrofobia. As filas de butacas, sen apenas separación entre elas, case non se poden cruzar as pernas, e se tes que saír, toda unha odisea porque non hai espazo para pasar e non hai corredor central.
As últimas filas, o galiñeiro, absterse de ir persoas con vertixe (deberían poñer cartel de advertencia).
A entrada é sala é moi estreita, xa non quero pensar en algo que force unha evacuación. Cumprirá a normativa, claro está.
E despois destas pinceladas moi resumidas, porque aínda queda moito por descubrir, me pregunto:
De verdade alguén creu que esta infraestrutura que nos costou a todas moitos cartiños, porque si, os cartos son nosos, non de menganito ou zutanito, son da cidadanía, e hai que ter moito sentidiño, palabra que lle encanta ao persoal en cuestión, vai ser un referente cultural para a Barbanza? Nin de coña, permitídeme a expresión. E quedou de manifesto estes días cando moitas persoas quedaron fora por falta de aforo.
Era o lugar idóneo para esa construción? Non.
Era o momento para fundir cinco millóns de euros nun auditorio que non cubre as necesidades de aforo, de espazo, de localización, dunha cidade como Ribeira? Non.
Isto é a crónica anunciada do mal facer dunha Administración Pública. Pero claro, non hai consecuencias para quen utiliza os cartos públicos dunha maneira tan irresponsable.
E seguen faltando metros!



