O Concello de Muros presentou este martes 18 a programación das súas Festas de San Pedro, que se celebrarán os días 28, 29 e 30 de xuño. Participaron na presentación do programa das festas a alcaldesa de Muros, María Lago; a concelleira de Festexos, Laura Rivadeneira; a concelleira de Igualdade Maruxa Martínez; David Pastoriza, técnico de Cultura, e Juan Figueiras, dinamizador da Sala Nasmo. Como gran novidade, este ano celébrase o venres 28 a Festa do Orgullo, coincidindo co Día Internacional do Orgullo LGTB. Haberá unha concentración e unha lectura dun manifesto reivindicativo, ademais dunha celebración colectiva: a Festa Holi. Muros con Orgullo. Tamén actuarán (a continuación) Paco Nogueiras e as orquestras Miramar e Claxxon.

O sábado 29 haberá procesión e misa cantada, varias actuacións musicais e fogos de artificio, mentres que o domingo, como fin de festa, Muros acollerá A Noite da Nasmo, un festival cos grupos dos locais de ensaio municipais (no curro da Praza).
“Estas son unhas festas moi especiais, nas que mantemos as tradicións e amosaremos que somos un concello aberto, respectuoso e plural”, asegurou a alcaldesa, María Lago, que convidou á veciñanza e aos visitantes a implicarse e gozar das diferentes actividades, destacando ademais “que haberá propostas para todas as idades e lle daremos á Sala Nasmo o espazo que merece”.
Laura Rivadeneira apuntou tamén como novidade “a sesión vermú do domingo” e que “os fogos de artificio cambian a localización e serán lanzados dende unha plataforma dende o mar, para minimizar os riscos e non causar molestias aos usuarios do porto”.
A concelleira de Igualdade, Maruxa Martínez, engadiu que “cremos necesaria a celebración do Orgullo, con actividade específica como ferramenta imprescindible para acadar a igualdade real”.




