Amicos e Inserta Empleo clausuran o seu curso de emprego en orientación e conservación do medio natural

28 Xuño 2024

A cidade de Vigo acolleu este venres, 28 de xuño, o acto de clausura do curso Actividades de orientación e desenvolvemento do medio, organizado pola asociación barbanzá Amicos e FSC Inserta Empleo da Fundación ONCE. No evento realizouse a entrega dos diplomas acreditativos ao alumnado da formación, e agradeceuse o apoio das entidades e empresas que traballan e fan posíbel a inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual. A formación, que se desenvolveu en Pontevedra cunha duración de cincuenta horas, contou coa participación de dez persoas con discapacidade intelectual.

Delas, catro serán inseridas laboralmente a partir de xullo nas Ecobrigadas de Amicos. O seu traballo desenvolverase nas illas Cíes e Ons, onde realizarán labores de apoio aos guías, accións de sensibilización medioambiental, recollida de residuos e eliminación de especies invasoras no espazo natural.

O evento celebrouse na sede do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, onde se deron cita Miguel Beiro, responsable da área de Alianzas con Persoas e Empresas de Amicos, Beatriz Gallego, directora territorial de Galicia de Inserta Empleo – Fundación ONCE, Juan Camba, coordinador zona sur de Inserta Empleo – Fundación ONCE e José Antonio Fernández, director conservador do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Así como Carmen Conde, responsábel de sostibilidade do Grupo Puentes.

Durante o acto, o director conservador do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas destacou que “hai que recoñecer que a vosa formación é moi boa e completa, e cada día que traballades aprendedes cousas novas. Dende o Parque queremos agradecervos de corazón esta formación”. Durante a súa intervención tamén fixo referencia á próxima publicación de guías e leis en materia de protección medioambiental e inclusión, posto “que todos temos algo que dicir sobre medio ambiente, natureza, na sociedade, e todos debemos ser escoitados”.

Dende Amicos, Keltoi Cameán, coordinador da área de Alianzas con Persoas e Empresas, quixo destacar “a nosa gratitude co Parque Nacional das Illas Atlánticas, que un ano máis confía nas nosas Ecobrigadas para levar a cabo os traballos de sensibilización e coidado medioambiental

na zona, e por apostar pola creación dun parque natural inclusivo”.Asemade, tamén quixo destacar “a presencia de representantes de Grupo Puentes, empresa que, grazas ao seu apoio anual á nosa entidade, favorece que en Amicos poidamos crear postos de traballo a través dos que ofrecer capacitación e experiencia laboral ás persoas con discapacidade intelectual. Así incrementamos as súas posibilidades de inserción no mercado de emprego ordinario”.

Carmen Conde, responsábel de sustentabilidade do Grupo Puentes, fixo referencia a que “este proxecto complementa e potencia o noso programa de responsabilidade social, a través do que estamos moi vinculados coa inclusión das persoas con discapacidade intelectual. Esta acción é importante porque combina o traballo na área social e na medioambiental”.

As Ecobrigadas de Amicos

As Ecobrigadas están formadas por equipos multidisciplinares cualificados e especializados nos sectores forestal, de xardinería, obras, e servizos de bedelería. O seu gran valor reside en para ofrecer capacitación e experiencia laboral ás persoas con discapacidade intelectual para incrementar as súas posibilidades de inserción no mercado de emprego ordinario.

Estes equipos forman parte da empresa de inserción laboral Properdis e o Centro Especial de Emprego Servinserta, do grupo Amicos, que busca xerar oportunidades laborais para as persoas con discapacidade intelectual e en risco de exclusión social, así como para potenciar unha economía social e solidaria.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.