O parque do esteiro do río Coroño en Boiro converteuse un ano máis na paraxe elixida para celebrar o San Xoán de Amicos. A entidade adiantou a celebración da noite máis máxica do ano a este venres, 21 de xuño, para que tódolos amicos e amicas desfrutasen da festividade xuntos. Con este obxectivo organizouse unha xornada chea de xogos, sorpresas e as grandes protagonistas: as sardiñas asadas.

Así, a mañá comezou cun distintos xogos tradicionais nos que as mozas e mozos puideron desfrutar de actividades lúdicas adaptadas e inclusivas, como o pano, poñerlle a cola ao burro, ou o desplume da galiña, entre outros. Tampouco puido faltar a tradicional xincana para procurar as sete herbas do San Xoán. Durante parte da mañá, os participantes buscaron plantas como xesta, fiúncho, herba luísa, fento, romeu, malva ou abeloura, prantas que tradicionalmente se deixan en remollo para preparar auga coa que purificarse a mañá do luns 24.

Así mesmo, no parque boirense os convidados puideron degustar empanada e o prato oficial desta festividade coa que damos a benvida ao verán: as sardiñas asadas. Un momento ideal para desfrutar xuntos ao abeiro da cacharela, outro dos grandes atractivos do San Xoán.
A festa rematou con actividades como maquillaxe facial e tempo libre. A través deste tipo de celebracións a entidade busca “contribuír á inclusión das persoas con discapacidade facéndoas partícipes dos acontecementos sociais que marcan a cultura e a sociedade na que viven”. Así, ademais de xornadas festivas no Centro de Atención Integral de Boiro, Amicos organiza actividades culturais, deportivas e medioambientais con asiduidade.

Unha semana temática
Co “obxectivo de que as persoas con discapacidade intelectual se sintan parte valiosa e conectados á sociedade na que viven”, ao longo deste semana o equipo de Amicos realizou distintas actividades sobre o San Xoán e o comezo do verán. A través de actividades lúdicas como xogos de preguntas e respostas, explicacións e a preparación dos xogos para este venres, os amicos e amicas familiarizáronse co San Xoán e o solsticio de verán.
Durante esta fin de semana, continuarán as actividades sobre esta temática tanto dentro como fóra do Centro de Atención Integral de Boiro, co obxectivo de que as mozas e mozos desfruten ao máximo desta festividade, de gran importancia na nosa cultura.




