
O Concello de Boiro comunicou a apertura do prazo de solicitude e comunicación das cacharelas en terreos públicos e privados para a noite de San Xoán 2024. O pazo de presentación de solicitudes está xa aberto ata o vindeiro 20 de xuño, e poderase realizar mediante o Rexistro Xeral ou na sede electrónica municipal.
As zonas para realizar cacharelas en espazos públicos están delimitadas e, para solicitalas, deberase confirmar previamente co departamento de Medio Ambiente para poder tramitar a correspondente solicitude. No caso de cacharelas particulares, as persoas interesadas deberán facer a correspondente comunicación previa e cumprir coas medidas de seguridade e preventivas esixidas.
As autorizacións unicamente permiten as cacharelas a partir das 18.00 horas do día 23 de xuño, debendo quedar perfectamente apagadas antes das 6.00 horas do 24 de xuño. Como norma xeral deberase facer unha devasa (cortalumes) para o perímetro que se vai queimar; non se poderá prender lume a menos de 15 metros de edificacións, instalacións ou árbores; non está permitida a queima de certo tipo de residuos; deberase contar coas medidas de prevención do lume; e o volume das cacharelas non poderá exceder os 2 metros de altura e 3 de diámetro.
Toda a información e modelos de solicitude están dispoñíbeis na web municipal.



