O sábado 13 de xullo vaise celebrar un dos grandes eventos musicais da tempada no Barbanza: o concerto do músico vigués Iván Ferreiro en Noia, no IES Campo de San Alberto, a partir das 23 horas, no marco do Estival Fest.
As entradas están dispoñíbeis en Ataquilla, a un prezo de 13 euros.
Iván Ferreiro, antigo líder dos míticos Los Piratas, presentará o seu novo álbum, Trinchera Pop, en directo, con temas tan significativos como En el alambre, La humanidad y la tierra, En las trincheras de la cultura pop y Miss Saigon, ademais de todas as súas cancións máis emblemáticas.
Producido por Ricky Falkner e gravado entre o estudo Dondenoshabidusientan e na Casa Murada, o álbum Trinchera Pop lévanos directos ao mundo persoal de Iván, cheo de referencias literarias e cinematográficas, onde “a súa música fainos ver imaxes, sempre de cores diferentes, e cheas de homenaxes”, segundo avanza o selo discográfico. Destacan cancións como En el alambre ou a homenaxe de La humanidad y la tierra, co trío Tanxugueiras e co tamén vigués Nicolás Pastoriza.
O disco Trinchera pop é o sexto álbum de estudo en solitario de novo material de Iván Ferreiro, o primeiro desde Casa (2016).
En escena estará acompañado da súa banda habitual, Pablo Novoa ás teclas, Ricky Falkner ao baixo, Xabier Molero á batería, Sergio Martinez nos teclados e programacións e con Emilio Saiz e Amaro Ferreiro ás guitarras.




