A denominada “contaminación difusa” ou contaminación circunstancial, xerada no medio acuático por contamiñantes sen un punto de orixe concreto, é a única ou preponderante na área da Ría de Arousa-Corrubedo, por ser esta un espazo que, segundo as análises, é das que teñen un maior grao dese tipo de contaminación dentro de España: un total de 4.783 elementos e cero lugares onde non houbese presenza de “basuraleza”.
A coordinadora da mostraxe de campo para o proxecto “Libera” en Galicia foi, segundo informa en gCiencia -publicación vinculada á Universidade de Vigo- , Gustavo Ferreiro, quen sinala que lle gostaría clarexar que “aínda que se chame Ría de Arousa-Corrubedo, a área escollida de Galicia é máis ampla. É unha IBA (Área Importante para a conservación das Aves, polas súas siglas en inglés) que colle dende a Ría de Arousa ata a Ría de Pontevedra, pasando por Corrubedo. Máis especìficamente, os concellos de Cambados, Sanxenxo e O Grove”.
Aurora Martín, que asina o traballo publicado, aborda o Proxecto Libera, levado a cabo pola ONG Seo Birdlife en alianza con Ecoembes, coma unha iniciativa que permitiu o estudo dun total de 17 espazos naturais en España para analizar ata que punto montes e praias están contaminados por residuos xerados polos seres humanos e abandonados na Natureza. E o espazo citado (Ría de Arousa-Corrubedo) é “un dos máis contaminados”.
Un traballador da área social de SEO/Bird Life, A. Remacha, afirma que “o abandono de residuos por parte das persoas é un problema medioambiental moito máis grave do que se adoita pensar. Decidimos poñerlle nome e chamámolo “basuraleza”, e ven ser algo do que vimos falando xa dende o ano 2019, cando lanzamos Ciencia Libera, un proxecto que xa amosara no seu momento que o problema do medio ambiente non é só a macrobasuraleza -aquela que é visible- e se atopa flotando nos ríos e á beira do mar, senón tamén a microbasuraleza ou microcontaminación, áquela que non se pode ver a simple vista”.
Esta contaminacion difusa (que non ten unha orixe concreta, como queda explicitado) atópase en moi amplas áreas, o que a fai moi difícil controlar ao estar espallada por todo o ecosistema. Esta dispersión á falta de control foi a que fixo que se decidira poñer en marcha esta análise mediante unha metodoloxía de caracterización de residuos entre os anos 2021 e 2023.
“A través de distintas aplicacións e a axuda de técnicos/as, fixéronse transectos (ferramenta ecolóxica que permite cuantificar a abundancia relativa dun organismo nunha área) nos que se contabilizaron cadanseu residuo presente durante tres anos para comprobaren a evolución do lixo que se atopaba”. Deste xeito poido verse que se ía a máis e onde estaban os focos contamiñantes.
Esta metodoloxía é importante porque, explican dende Libera, para poder atallar un problema é fundamental saber a súa procedencia. Por esta mesma razón decidiron seleccionar dentro de cada espazo natural tres zonas en distintos tipos de ambiente: leito, monte e áreas recreativas. Así souberon cales eran as áreas máis afectadas. Neste caso, as recreativas, porque son as zonas nas que se concentra un maior número de persoas realizando actividades.
En tres anos recolléronse 60.055 elementos que pesaban 4.408 quilos. Os panos húmidos son os residuos de basuraleza máis atopados (un 8% do total), pero os máis abundantes son as cabichas (un 28% dos residuos recollidos), seguidos de elementos de plástico (como envoltorios de caramelos), panos húmidos, papel hixiénico, madeira traballada e vidro ou metal, entre moitos outros.
As cabichas teñen unha chea de contamiñantes, metais pesados coma cadmio, arsénico, etc.
Tamén hai moitos residuos relacionados coa actividade pesqueira e acuícola; ao río Umia, cando hai mareas potentes con temporais, chegan residuos arrastrados polo mar: plásticos, cordas, anacos de redes, caixas de peixe, etc.
Os meses de verán, entre xuño e setembro, son os que aportan maior presenza de residuos. E nas zonas costeiras é onde se atopa un maior número de residuos .
O das cabichas é un dos problemas máis graves: UNHA SOA DELAS CONTAMINAN 50 LITROS DE AUGA.
Depurar e canalizar os residuos e acostumar ás persoas a limpar os espazos que utilizan poden ser vías válidas para, senón eliminar, sí reducir notablemente os efectos na contorna do lixo que deixamos.
Sensibilizar é, polo tanto, o que compre facer para, logo, actuar.


