A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra están a desenvolver a quinta edición do Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, unha actividade gratuíta destinada a espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social, impulsando ademais o labor investigador que se leva a cabo en Galicia. Este xoves 16 de maio celebrarase unha nova sesión, ás 19:00 h, que porá o foco no potencial alimentario e económico dos novos alimentos mariños. Poderá seguirse en liña (a ligazón obtense unha vez que nos rexistremos na web da Deputación).
A sesión centrarase na economía oceánica sostíbel, en particular nos alimentos mariños como produtos fundamentais para a saúde do planeta e o benestar da humanidade. Para abordar este tema contarase con Sebastián Villasante, doutor en Economía Aplicada, profesor da facultade de Administración e Dirección de Empresas da Universidade de Santiago e científico do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da USC.

Tal como explica o investigador, “os alimentos azuis desempeñan un papel crucial nos sistemas alimentarios, xa que poden contribuír á seguridade alimentaria, a reducir a malnutrición e a crear sistemas alimentarios sans, resistentes e respectuosos coa natureza en todo o mundo”. Nesta liña, asegura que, na actualidade, os alimentos azuis son o medio de vida de máis de 100 millóns de persoas e dan sustento a mil millóns en todo o mundo.
Villasante salienta que “máis de 2.500 especies de peixes, invertebrados, algas e plantas acuáticas captúranse ou cultívanse para a alimentación, proporcionando unha importante inxesta diaria de proteínas a máis de 4.000 millóns de persoas. Ademais, ofrecen micronutrientes esenciais que reducen a malnutrición entre os grupos de risco, como os nenos e nenas e as mulleres, ao tempo que diminúen o risco de enfermidades non transmisibles”. A pesar da enorme relevancia dos alimentos mariños, o experto pon de relevo que “a miúdo pásanse por alto nas conversas sobre o futuro da alimentación, que tenden a centrarse nos cultivos terrestres e no gando”.
A inscrición para participar gratuitamente en todas as conferencias deste ciclo debe realizarse a través da web da Deputación de Pontevedra. As persoas participantes poderán solicitar un certificado de asistencia.



