
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, realizou este xoves 23 de maio unha visita ao buque arrastreiro Falcón, fíxoo coincidindo coa súa chegada ao porto da Pobra do Caramiñal tras cruzar o Atlántico desde Montevideo (Uruguai) para descargar a lura (calamar) capturada en augas das illas Malvinas.
Villareso asistiu ás operacións de descarga e coñeceu de primeira man a actividade “dun dos pesqueiros galegos máis grandes e modernos deseñado e construído no estaleiro de Nodosa”, salientando, destacando os seus 75 metros de eslora e os seus 14 metros de manga, amais dos seus preto de 2.000 GT de capacidade e os seus recursos de alta tecnoloxía, optimización das capturas, respecto ao medio ambiente así como melloras no confort e seguridade da tripulación.

O titular de Mar, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Coruña, Belén do Campo, destacou “o traballo realizado polas empresas pesqueiras nos últimos anos por renovar a súa frota mellorando a habitabilidade e seguridade nos buques repercutindo directamente nas condicións de traballo dos profesionais”. Trátase, dixo, “dun proceso no que teñen un especial protagonismo os o sector naval galego, xerándose unha importante alianza entre ambas actividades en beneficio do crecemento económico e a xeración de emprego na comunidade”.

Tamén valorou o traballo do porto da Pobra do Caramiñal para consolidarse como punto de entrada da lura, complementando a xa asentada descarga de túnidos para fornecer de materia prima á potente industria transformadora presente na comarca do Barbanza. Nesta ocasión, a lura descargada tiña como destino a planta frigorífica Frigonor Coldstore do Grupo Suflenorsa, que iniciou a súa actividade no 2022 e que na actualidade atópase en fase de consolidación da produción na sala de elaborados. Con máis de 8.000 m2 de superficie conta cun elevado grao de eficiencia enerxética grazas a instalación dun parque fotovoltaico na mesma parcela, que fornece o aforro enerxético con procesos máis eficientes e sistemas de xestión que garanten a seguridade laboral. As empresas que conforman o Grupo Suflenorsa recibiron achegas autonómicas desde o 2009 por valor de 7 millóns de euros.



