
O Concello de Boiro organiza unha actividade de musicoterapia destinada a persoas maiores de 60 anos. O concelleiro de Política Social, Raúl Treus, presentou os cursos na mañá deste 3 de maio, explicando que se trata dunha actividade que se viña facendo antes da pandemia e que “é moi demandada pola veciñanza”. Amplíase a catro sesións con grupos de vinte persoas cada un.
A actividade vaise desenvolver en Boiro, Escarabote e Cabo de Cruz as segundas e cuartas semanas de cada mes. En Boiro haberá dous grupos, un os martes ás 18.30 horas e outro os mércores ás 16.00 horas e serán no local Leñaverde do Centro Social. En Escarabote será os mércores ás 17.30 horas, no Centro Social, e en Cabo de Cruz será tamén os mércores ás 19.00 horas no Centro Social.
A actividade estará impartida pola soprano noiesa Esperanza Mara e terá un prezo anual de 6,87 euros. As inscricións poden formalizarse no departamento de Servizos Sociais do Concello de Boiro a partir do luns e durante quince días. Máis información no enderezo electrónico s.sociais@boiro.org ou o teléfono 981 84 99 00 ext. 1285.



