O Concello da Pobra reparte nos colexios os agasallos do Maio das Letras

07 Maio 2024

Os/as escolares da Pobra do Caramiñal xa recibiron o agasallo polo Maio das Letras Galegas de 2024, consistente en cadanseu caderno con lapis de cores. A concelleira da Cultura, Patricia Lojo, e a técnica municipal desta área, Fita Sanisidro, desprazáronse este 7 de maio ata a E.E.I. Fernández Varela, a do Monte Carmelo e as unitarias do Vilariño, A Granxa e A Angustia para faceren a entrega dos presentes.

Trátase, sinalaron, dunha acción co obxectivo de “lles achegar a figura de Luísa Villalta ás crianzas do noso concello, que recoñezan a súa imaxe, a través dun caderniño para debuxar”.

Actividades todo o mes

A axenda para conmemorar o Día das Letras Galegas na Pobra esténdese a todo este mes. Comezou o domingo 5 co festival Tradición e Luísa Villalta, da Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Caramiñas, para continuar este martes 7 co reparto dos ditos obsequios entre a rapazada da educación infantil.

Esta semana proseguirán as actividades coa apertura da exposición do XVIII Certame Isaac Díaz Pardo, a través da Deputación da Coruña, no venres 10, ás 12.00 horas, na Casa da Cultura Raquel Fernández Soler. Esta mostra atópase conformada por máis dunha quincena de pezas de diferentes expresións artísticas como vídeo-creación, instalacións audiovisuais, fotografía, escultura ou gravado.

Pola tarde, ás 20.30 horas, o Teatro Cine Elma acubillará a proxección íntegra do documental Voces da conserva. Trátase dunha produción audiovisual da Mancomunidade Barbanza Arousa que pon en valor a conserva nos terreos socioeconómico, cultural e turístico, a cal se emitiu na Feira Internacional de Turismo (FITUR), en Madrid, a comezos de ano. Seguiralle un coloquio para disertar máis sobre o amosado no vídeo.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión