
A pobrense Rosana Pérez, deputada do BNG, reclamou este sábado á Consellería de Sanidade “a cobertura inmediata das ausencias de persoal médico, nomeadamente das baixas prolongadas, no Centro de Saúde de Ribeira”, onde, dixo, están a rexistrarse situacións de colapso como a vivida este mesmo venres que están a deteriorar a calidade da atención aos pacientes, sobre todo a dos que sofren enfermidades crónicas”.
A deputada nacionalista, que achegou unha batería de iniciativas no Parlamento reclamando a cobertura das prazas, referiuse ao centro de Ribeira como “exemplo paradigmático” do que está a suceder na sanidade de todo o país, “unha situación insostíbel -denunciou- froito das políticas do PP, que está a converter o deterioro da Atención Primaria nun problema estrutural”. “A situación vivida este venres no centro de saúde de Ribeira xa sucedeu a semana pasada e tamén a anterior, non é a primeira vez que ocorre, nin a segunda nin a terceira”, asegurou.
Segundo explicou, “en Ribeira existen dez prazas de médico, pero habitualmente só pasan consulta catro ou cinco debido ás baixas do persoal, algunhas delas prolongadas no tempo, e a que hai outras que non se cobren dende hai anos, polo que non son casos puntuais como adoitan a dicir os responsables de Sanidade”.
E engadiu: “As desculpas (da xerencia) xa non son de recibo despois de quince anos de responsabilidades de goberno do PP, que mantén esta situación sen mellorar as condicións laborais dos e das profesionais para facilitar que as prazas se cubran e que provocan verdadeiros problemas aos usuarios e usuarias desde centro”, argumentou a deputada da comarca, que reclamoutamén reforzos de persoal para os consultorios periféricos de Aguiño, Corrubedo e Palmeira.
Para Pérez, o “baile de profesionais diario que se rexistra nestes consultorios está a repercutir tamén na calidade asistencial que se presta no Concello de Ribeira, mentres a xerencia continúa sen actuar e son os propios profesionais os que teñen que buscar compañeiros noutros centros de saúde e os que se ven na obriga de pechar axendas, co aumento nas listas de espera que iso supón”. Segundo estiman os propios profesionais, engade, entre 5.000 e 6.000 cartillas non teñen médico fixo no centro de saúde de Ribeira.



